----

"O FUTURO DO IDIOMA GALEGO XOGARASE NOS ESPAZOS URBANOS", AFIRMOU GABRIEL REI-DOVAL NA CONFERENCIA INAUGURAL DOS VII ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"O futuro do idioma galego xogarase nos espazos urbanos e a garantía do seu uso está moi relacionada coa concienciación das familias, que foi perdendo peso fronte á escola e a outros axentes máis ben castelanizadores", afirmou Gabriel Rei-Doval, da Universidade de Oxford, na conferencia inaugural dos VII Encontros para a Normalización Lingüística que hoxe e mañá teñen lugar en Santiago de Compostela organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG).

Rei-Doval analizou datos de 1992 para constatar o descenso do número de galego-falantes nos entornos urbanos e a "constante, paulatina e pronunciada ruptura na transmisión da lingua". Queixouse do escaso papel normalizador cumprido pola escola e subliñou o que chamou "laissez-faire" da Administración galega en materia lingüística. "Non hai problemas de comprensión para o galego no medio urbano. O problema é conseguir que o idioma se transmita e se fale normalmente en diferentes situacións, rompendo unha tendencia marcadamente descendente na porcentaxe de falantes que teñen o galego como lingua inicial e que se comproba desde 1916", afirmou o conferenciante.

A conferencia de Rei-Doval abordou un dos temas importantes destes Encontros: o galego nos entornos urbanos, no que abundaron asemade a conferencia de Ana Iglesias e as mesas de traballo adicadas ás "propostas de dinamización lingüística nas cidades" e "as actitudes dos mozos e mozas galegos". Os outros temas de reflexión e debate serán a presencia do galego nas novas tecnoloxías e a dinamización lingüística como proxecto empresarial.

Os Encontros, que están a celebrarse na Aula de Cultura de Caixa Galicia, en Santiago, e ós que asistxen douscentos investigadores e técnicos, foron inaugurados esta mañá no curso dun acto presidido polo Presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz a quen acompañaron o Director Xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras; o Director da Escola Galega de Administración Pública, Domingo Bello Janeiro; o Secretario da Real Academia Galega, Manuel González e o Secretario do CCG, Director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e coordinador dos Encontros, Henrique Monteagudo.Este último asegurou que o galego terá futuro se é quen de asociarse cos procesos de renovación social en Galicia, nomeadamente coas innovacións tecnolóxicas.Manuel González aludiu ós Encontros como "unha referencia inexcusable para a sociolingüística galega" e felicitouse pola "colaboración e a apertura do CCG".

Domingo Bello Janeiro subliñou o papel das administracións públicas como axentes normalizadores e o Director Xeral de Política Lingüística referiuse tamén á importancia da colaboración entre as diferentes institucións e entidades sociais no compromiso da normalización do idioma. Por último, o Presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, expresou a súa satisfacción "pola acollida extraordinaria que teñen os Encontros, "auténtico foro de reflexión e debate necesriamente enriquecedor dunha temática sempre aberta", dixo.

Máis información e programa:

Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia