Estas xornadas pretenden ofrecer por vez primeira en Galicia unha visión ampla e desde diferentes perspectivas da arquitectura vasco-navarra actual. Con este obxectivo, convidáronse a unha serie de arquitectos, críticos e investigadores a compartir tres días de debate e reflexión arredor do fenómeno arquitectónico no territorio cultural vasco-navarro. Nos relatorios e mesas redondas participarán 17 arquitectos.Coordinadas por Francisco José Mangado e Iago Seara Morales, as xornadas "A arquitectura vasco-navarra" terán lugar no Consello da Cultura Galega os días 4, 5 e 6 de marzo e permitirán dar a coñecer o traballo desenvolvido nesa área no País Vasco e Navarra e estabelecer novas pontes culturais desde Galicia. Na rolda de prensa intervirán Alfonso Zulueta de Haz, presidente do Consello da Cultura Galega, e Iago Seara Morales, coordinador da Sección de Arquitectura do CCG.

