O presidente do CCG salientaba na presentación das xornadas a importancia de prestar atención a "outros ámbitos culturais e outras propostas e expresións nun intento de tender pontes de coñecemento, cooperación e intercambio desde Galicia". Así, o coordinador da Sección de Arquitectura destacaba que estas xornadas afondarán "no intercambio cultural, no estabelecemento de novas canles de diálogo que, desde a nosa perspectiva, resultan fundamentais para a formación dos profesionais galegos".Para Iago Seara, "Galicia, como foco cultural da periferia atlántica europea, debe ser especialmente receptiva cara as achegas culturais significativas" e, neste senso, o País Vasco e Navarra, sinala, supoñen na actualidade un elemento fundamental para calquera abordaxe que se pretenda facer da arquitectura contemporánea na Península Ibérica.As xornadas pretenden ofrecer, polo tanto, diversas perspectivas e abordaxes da arquitectura vasco-navarra, contando para elo coas opinións, experiencias e postulados teóricos dos propios arquitectos, investigadores e críticos. Entre os 18 profesionais que participarán neste encontro no Consello da Cultura Galega atópanse desde profesionais como Francisco José Mangado, coordinador das xornadas e autor de edificios como El Baluarte de Pamplona ou o Pazo de Congresos de Ávila, até catedráticos de arquitectura como Juan M. Otxotorena.Este encontro dá continuidade aos celebrados o pasado ano sobre a arquitectura catalá e lisboeta, que resultaron enormemente enriquecedores e que contribuíron, na medida das súas posibilidades, a estreitar os lazos e a transferencia cultural con Cataluña e Portugal. Unhas vez rematada a análise da arquitectura vasco-navarra, o CCG ten previsto abordar outros focos culturais, como Andalucía e Madrid.

