----

ALONSO MONTERO FALARÁ ESTE XOVES, NA TERTULIA LITERARIA DO CONSELLO, SOBRE A DENUNCIA DA SITUACIÓN DO GALEGO PERANTE A UNESCO EN 1954

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este xoves, día 4, a súa tertulia literaria mensual. Nesta ocasión, será o escritor Xesús Alonso Montero o que aborde a súa última obra: "A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954".

Este libro relata como en 1954 o galeguismo interior (con Ramón Piñeiro como ideólogo e estratega) e o galeguismo republicano no exilio (co compromiso e entusiasmo de Rodolfo Prada) mobilizan os seus efectivos para protestar diante das institucións internacionais pola situación da lingua galega no réxime de Franco. A acción diríxese fundamentalmente á UNESCO, que daquela celebraba a súa VIIIª Conferencia Xeral na cidade de Montevideo e que, por primeira vez, aceptaba a presenza nos seus escanos do réxime franquista. A denuncia, presentada en tres idiomas (galego, francés e inglés), puña en coñecemento das delegacións de case cen países as actividades culturais en lingua galega que eran prohibidas pola ditadura.

Arredor deste apaixonante capítulo da nosa historia contemporánea, a tertulia mensual da Sección de Literatura e Industrias da Edición, coordinada por Víctor F. Freixanes, reúne historiadores e especialistas. O editor Manuel Bragado será o moderador do acto.Esta tertulia dará continuidade á celebrada o paso mes de febreiro, na que o escritor Suso de Toro conversou con Dolores Vilavedra, Gonzalo Navaza, Víctor F. Freixanes e máis asistentes sobre a súa obra e a recente concesión do Premio Nacional de Narrativa a "Trece badaladas".Día: xoves 4 de marzo de 2004Hora: 17:00 Lugar: Biblioteca do Consello da Cultura GalegaMáis información en Lg3http://www.culturagalega.org/lg3/