----

A EXECUTIVA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA CELEBRA MAÑÁ UNHA SESIÓN ORDINARIA NO CONCELLO DE FERROL

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) desprazarase mañá martes, día 20, a Ferrol para celebrar nesa cidade a súa reunión ordinaria semanal e estabelecer contactos co alcalde, Juan Juncal, e coa Corporación Municipal. Ás 11´00 horas está previsto o acto de recepción oficial no Concello, no que intervirán o alcalde da cidade e o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz.

Nas dependencias municipais terá lugar a sesión de traballo da Comisión Executiva do CCG, a primeira institución cultural de Galicia, na que participarán, ademais do presidente da institución, os vicepresidentes, Ramón Castromil e Francisco Díaz Fierros, e o secretario, Henrique Monteagudo. Tamén estará presente o xerente do CCG, Antonio Montero.

Xa pola tarde, os directivos do Consello da Cultura Galega cumprimentarán o programa de visitas proposto polas autoridades municipais. Deste xeito pecharase unha visita que dá continuidade ás celebradas con anterioridade ás cidade de Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo.

O Consello da Cultura Galega, creado por lei do Parlamento de Galicia en xullo de 1983, busca nestas sesións itinerantes o contacto co quefacer cultural das cidades e vilas galegas, para o mellor cumprimento dos seus fins e para o desenvolvemento da necesaria cooperación entre as institucións. O Consello é un órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización e independente respecto dos poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración. É unha institución única, pola súa configuración e características, no panorama do Estado das Autonomías, que conta actualmente con doce Seccións e catro Arquivos que abranguen todos os aspectos da Cultura nas súas dimensións artístico-humanísticas e científico-técnicas e presta unha atención especial ao desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación.