----

A REALIDADE GALEGA, NUN SORRISO

"Dar a coñecer a realidade galega e promover o diálogo con outras culturas, facendo da diferenza un valor e non unha limitación". Así explica Ramón Villares, coordinador da Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG, o obxectivo da exposición "O sorriso de Daniel". Esta mostra representará a cultura galega no Fórum Universal das Culturas de Barcelona, un encontro patrocinado pola Unesco que pretende avanzar no respecto á diversidade cultural, ao desenvolvemento sostíbel e á paz.

Presentar Galicia nos seus múltiples aspectos aos milleiros de visitantes de diferentes nacionalidades que acudan ao Fórum é unha tarefa cando menos complicada. Para guiarse neste traballo, o Consello da Cultura Galega tomou como puntos de referenza no seu traballo dúas figuras que engloban a imaxe que queren transmitir de Galicia: un país con fondas tradicións pero aberta á modernidade.

Como punto de partida da mostra escolleron a estatua do profeta Daniel situada no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, o primeiro grande sorriso da escultura medieval despois de séculos de escuridade e solemnidade. Este sorriso representa a dimensión europea da cultura galega e constitúe un dos iconos máis emblemáticos da Comunidade no exterior. Como punto de chegada, outro Daniel, Daniel Rodríguez Castelao, a figura que mellor pode representar a identidade política e artística da Galicia contemporánea, o exilio e a emigración. "Dun Daniel a outro, vai a condición de Galicia como camiño de peregrinacións, como Fisterra atlántica, como porta de Europa e porto de saída cara o ancho mundo", destaca Villares.

DIÁLOGOS CULTURAIS
Se a elección do título da exposición non é casual, tampouco o é a data de inauguración. Será o 28 de xuño, aniversario do Plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, na Universidade de Barcelona. A partir deste día e durante tres semanas, os visitantes que acudan o Fórum das Culturas poderán achegarse un pouco máis á situación de Galicia a través dun cento de imaxes de grandes dimensións e de varios vídeos artellados ao redor de cinco bloques.

O primeiro prantexa unha pregunta básica, "¿Onde estamos?", á que resposta describindo a situación xeográfica, o clima e a vocación atlántica de Galicia. Segue a exposición cunha sección centrada en "¿Quen somos?", na que se amosa a historia do país, prestando especial atención á lingua como elemento de identidade e á emigración coma un dos procesos máis característicos do noso pobo. Os seguintes bloques analizan "¿Como somos?" a través da relación do home co contorno, desde a natureza até as tradicións, e "¿Que facemos?", na que a partir do Camiño de Santiago e da súa historia explícase a situación económica, artística e musical na Comunidade. Por último, a exposición analiza os tópicos en torno a Galicia e os galegos que existiron ao longo da historia. E para evidencialos, nesta zona os visitantes poderán expor ante unha cámara a imaxe que tiñan de Galicia antes e despois de ver a mostra.

Alén da exposición, o Consello da Cultura Galega aproveitará a súa presenza no Fórum para celebrar mesas de debate con persoeiros da cultura galega e catalá. Serán os chamados "diálogos culturais", cos que se pretende, como sinala Villares, "fomentar un diálogo intercultural no que a diversidade lingüística, antropolóxica, histórica e cultural sirvan de puntos de encontro e non de ferramentas de exclusión".

"O sorriso de Daniel" estará en Barcelona como parte do circuíto de actividades do Fórum durante tres semanas e logo comezará a súa peregrinaxe polas cidades máis importantes da Península. Durante o mes de agosto poderase ver en Santander, no marco das actividades da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, e logo continuará o seu itinerario por Madrid, Sevilla, Valencia, Bilbao, Lisboa e Porto. Un longo percorrido co que os organizadores queren presentar Galicia na súa complexidade, liberada de tópicos e propaganda, aos galegos na diáspora e sobre todo a outra moita xente que pode estar interesada en coñecer un pouco máis a Comunidade galega.