----

A TERTULIA LITERARIA DO CONSELLO DA CULTURA DEBATIRÁ SOBRE O SIGNIFICADO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este xoves, día 6 de maio, a Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará a súa tertulia mensual. O tema escollido nesta ocasión é "O significado do Día das Letras Galegas", que se celebrará o próximo 17 de maio. Os convidados serán Carlos Negro, escritor e secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Xosé Antón Pedreira, libreiro e presidente da Agrupación de Libreiros de Santiago, e Pilar Sampedro, presidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), mestra e asesora de formación. O escritor, editor e membro da Sección de Literatura do CCG Miguel Anxo Fernán-Vello será o encargado de moderar o debate.

Con este acto, a Sección dá continuidade ao ciclo de tertulias iniciado en febreiro con Suso de Toro, quen conversou sobre a proxección exterior da literatura. Seguíronlle encontros con Xesús Alonso Montero sobre e a súa última obra, "A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954" e con Anxos Sumai, Inma López Silva e Rosa Aneiros sobre as novas narradoras. Estas tertulias están dispoñibeis para a súa escoita no soportal de culturagalega.org Lg3, no url http://www.culturagalega.org/lg3/

- Lugar: biblioteca do Consello da Cultura Galega

- Hora da rolda de prensa: 16:30

- Hora da tertulia: 17:00