As xornadas, que se celebrarán na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela, contarán cos relatorios de prestixiosos profesores universitarios como Fermín Bouza, da Universidades Complutense de Madrid, Enric Marín Otto, da Universidade Autónoma de Barcelona, e Juan Antonio Roche, da Universidade de Alacant. Estes tres investigadores abordarán a relación entre cultura, novas tecnoloxías, comunicación e cidadanía desde un punto de vista máis teórico. Outros tres paneis analizarán experiencias prácticas que poidan ser de utilidade para os técnicos de cultura, animadores socioculturais, expertos e investigadores que acudirán ás xornadas.
Representantes de infobrion.com, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez, o Arquivo Pacheco, culturagalega.org, o Observatorio da Cultura Galega e o Museo Dixital de Mazaricos explicarán os seu proxectos de aplicación das novas tecnoloxías ao desenvolvemento cultural. As novas industrias culturais, como as "film commision", os imaxinarios e os medios de comunicación e a acción cultural municipal serán outros dos temas abordados nos paneis.
Para coñecer as iniciativas levadas a cabo noutras comunidades autónomas neste eido, o encontro contará coa participación de Lorea Hernández, que falará sobre a vertebración cultura de Donosti a través dos medios de comunicación, e Luis Miguel Cabezas Granado, quen abordará a pioneira alfabetización tecnolóxica e o software libre en Extremadura. Estas xornadas dan continuidade ás celebradas nos últimos anos sobre a acción cultural, o desenvolvemento e a participación cultural nos concellos.

