Na inauguración das xornadas, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, salientou a importancia de que nos concellos se leve a cabo unha "xestión cultural crítica e participativa que debe apoiarse na alfabetización dixital para acadar maiores niveis de formación, información e vertebración social". Na súa opinión, "unha axeitada acción cultural desde os concellos pode e debe contribuír á necesaria corrección de inercias, estereotipos e mimetismo que dificultan a necesaria reflexión e participación configuradora dunha sociedade libre, plural e democrática". O coordinador das xornadas e director do Observatorio da Cultura Galega, Xan Bouzada, destacou na mesma liña que os concellos "teñen nas novas tecnoloxías, especialmente a través da rede, a oportunidade de entrar nun escaparate ao mundo e de fomentar o acceso democrático de todos os públicos á cultura".
Sen embargo, o sociólogo da Universidade Complutense de Madrid, Fermín Bouza, advertiu de que a "introdución das novas tecnoloxías no mercado está a crear una fenda dixital entre a xente cultivada e a non cultivada". E na súa opinión, "o que queda fóra das novas tecnoloxías queda fóra do presente e do futuro". Bouza recomendou aos axentes culturais presentes que "a tecnoloxía é unha inversión produtiva que atrae máis recursos e posibilidades" e que unha vez que se dispoñe dela hai que darlle un uso adecuado. Na actualidade, sinala, "o avance tecnolóxico vai máis rápido que a vontade dos profesionais de asimilala e empregala".
Este encontro continuou ao longo da mañá coas reflexións de Xoán Luís Pintos sobre "Imaxinarios e medios de comunicación" e a exposición de varios proxectos prácticos de aplicación das novas tecnoloxías á xestión cultural, como son infobrion.com e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

