Esta publicación é froito do chamado á Comunidade Científica Internacional en Economía Ambiental que fixo a sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do CCG trala catástrofe e que culminou coa celebración dun seminario científico internacional en marzo de 2003 na capital galega para avaliar os efectos das mareas negras do Prestige á luz do aprendido nos casos previos mellor estudados: Exxon Valdez e Erika.
Na elaboración desta publicación participaron investigadores en Economía Ambiental de España, Francia e Estados Unidos, tal e como destacaron os participantes esta mañá na presentación da obra: os seus coordinadores, os profesores da Universidade de Vigo Albino Prada e María Xosé Vázquez, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e un membro da Dirección de AERNA.Á vista dos traballos recollidos neste libro, os seus coordinadores sinalan que habería que tomar nota do seguinte abano de conclusións e/ou recomendacións:
- No E. Valdez custou a limpeza cinco veces mais que no Prestige (sendo un vertido menor e de menor impacto), mais catorce anos despois seguen a ter secuelas da marea negra.
- Os danos colectivos ao patrimonio natural pódense medir con rigor (foran daquela respaldados por dous Nobel de economía) e superaron os custos de limpeza. Exxon acordou dotar un fondo de mais de 1000 millóns de $ para recuperar a calidade ambiental da rexión do vertido.
- Nas grandes mareas negras europeas (ata o Erika e agora o Prestige) os responsables das mesmas non asumen mais que unha pequena parte do dano comercial (limpeza, pesca, turismo) e só unha parte do reclamado.
- En Europa a maior parte dos danos e custos son soportados polo presuposto público, mentres que os danos colectivos non se avalían (menos aínda se resposta por eles).
- No caso do Prestige estímase que os danos e custes superarán de largo aos 2.000 millóns de euros ... o contaminador, os seus seguros e o seu fondo colectivo só resposta por apenas 200 millóns. O resto pagámolo todos.
- Na UE non se abre camiño o principio "quen contamina paga" para o transporte marítimo, tamén chamado principio de responsabilidade ilimitada polos danos. Dende o Prestige tan só se pasará a respostar con 1.000 millóns cando antes eran apenas 200.
- Só avaliando todos os danos e tendo que asumilos o causante na súa totalidade, os transportistas, armadores e fretadores tomarán medidas preventivas (obrigados polos seus aseguradores) para mellorar os navíos, as tripulacións e os criterios de navegación.

