----

EXPERTOS EN COMUNICACIÓN APOSTAN POR UN REPRANTEXAMENTO DO XACOBEO E A MELLORA DO CAMIÑO

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle hoxe a segunda e última xornada do encontro O CAMIÑO DE SANTIAGO, DIVERSIDADE CULTURAL E COMUNICACIÓN, que se celebra na sede da institución desde onte. Nela, responsábeis dalgúns dos principais medios de comunicación privados da Comunidade apostaron por unha renovación e reprantexamento do Xacobeo, que agora consideran esgotado.

Unha mesa redonda sobre o Camiño de Santiago nos medios de comunicación privados prantexou un intenso debate sobre a relación entre os aspectos económicos e espirituais do Camiño e da súa transmisión nos medios de comunicación. Cristóbal Ramírez, subdirector de La Voz de Galicia, advertiu que o futuro do Xacobeo pasa polo seu reprantexamento, xa que na actualidade, denuncia, "o Camiño está abandonado e o que interesa é encher o Obradoiro" con macroeventos culturais e descoidando as condicións do Camiño.

Javier Otero, director da Cadena Ser en Galicia, diferenciou entre o Ano Xubilar da Igrexa e o Xacobeo das institucións, entre a devoción e o negocio, e sinalou de que nos medios de comunicación non hai interese polo Camiño e se o hai é respaldado por acordos económicos coa Xunta. Pola súa banda, o director da Cadena Cope en Lugo, Arturo Cerviño, criticou a "contaminación laica" do Camiño e advertiu do perigo de que perda o seu cariz relixioso entre concertos e festas e "lonxe do recollemento que pide a peregrinación".

Fernando González, director de Onda Cero, resumiu que o interese dos medios de comunicación polo Xacobeo limítase a grandes espectáculos, as grandes cifras e ao pintoresco, pasando case desapercibida a propia peregrinación. "O ruído mediático- advirte- tapa até o cariz cultural e espiritual do Camiño", opinión coa que coincide o subdirector do Faro de Vigo, Suso Portela, que se prantexa até que punto é válida a "pel festiva" que envolve o Camiño cos festexos do Xacobeo.

A xornada desta mañá rematou cunha mesa redonda con representantes de zonas por donde transcorre algún dos camiños de peregrinación cara Santiago. Expertos de Portugal, Andalucía, Francia e Galicia expuxeron as súa visión do Camiño como vía de comunicación, de cultura e de negocio. Xa pola tarde, Julián Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela, abordará a perspectiva relixiosa do Camiño de Santiago e Xacobeo.

O acto de clausura das xornadas, organizadas pola Dirección Xeral de Cooperación e Comunicación Cultural do Ministerio de Cultura, a Comisión Española da UNESCO- Grupo de Comunicación, a Universidade de Santiago de Compostela, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de Usuarios da Comunicación, contará coa presenza de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, Xosé López, coordinador da Sección de Comunicación, Julián Barrio e o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz.