----

O XACOBEO COMO UN PRODUTO DE COMUNICACIÓN CON ÉXITO, A DEBATE NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O Consello da Cultura Galega (CCG) reúne este xoves e venres, días 27 e 28 de maio, a expertos de universidades, medios de comunicación e institucións nun amplo debate en torno ao Xacobeo nas xornadas O CAMIÑO DE SANTIAGO, DIVERSIDADE CULTURAL E COMUNICACIÓN. O encontro, dirixido polo coordinador da Sección de Comunicación do CCG, Xosé López, e a secretaria xeral do Grupo Español de Comunicación da UNESCO, Ángeles Pérez, comezou esta mañá salientando o papel do Camiño de Santiago como vehículo de comunicación entre pobos e como fenómeno comunicativo exitoso.

Na inauguración, Tomás Solís, embaixador da Comisión Nacional da UNESCO en España, sinalou que con este encontro culminan as celebracións do 50 aniversario da entrada de España na UNESCO. Solís amosou a súa confianza en que a nova situación política de España potencie e enraíce a rede civil da UNESCO na opinión pública.

Pola súa banda, Luis Ramallo, presidente da Comisión Española da UNESCO, prantexou a xestión da comunicación do Xacobeo como un dos exercicios máis significativos que se coñecen na xestión da comunicación, polo seu enorme éxito. Unha opinión compartida por Ignacio Otero, secretario xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Xunta, que destacou que co Plan Xacobeo produciuse un substancial incremento dos peregrinos, das condicións do Camiño e das actividades vinculadas a el.

O presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, abordou a Ruta Xacobeo como un roteiro no que conflúen a diversidade cultural e a necesidade de comunicación entre pobos e que tivo unha decisiva influenza na idea dunha Europa máis consciente de si mesma. "Agora trátase de estudar cal é a realidade do Camiño e cal é a súa proxección a través dos medios de comunicación" , sinalou. Así, dúas das cuestións que se prantexan nesta xornadas son ¿que se difunde a través dos medios do Xacobeo? e ¿a súa celebración estase convertendo nun produto de consumo ou mantén a esencia cultural e relixiosa?.

A conferencia inaugural, "A información na sociedade actual", a cargo do profesor Antonio Sánchez-Bravo, prantexou a necesidade de que a información reduza as desigualdades e preserve a diversidade cultural. Seguiulle un debate moderado polo profesor Xosé López sobre a "Universidade e diversidade cultural, difusión desde as aulas", na que participaron o decano da Faculdade de Comunicación da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Javier Davara, e os profesores Bernardo Díaz Nosty, da Universidade de Málaga, Milagros Ronco, do País Vasco, e Fernando Lourenço, da Universidade de Lisboa.

As xornadas continuarán esta tarde cun debate moderado por Manuel Lombao, director de Centros Territoriais de TVE, e que contará coa participación Mercedes Luz, delegada de EFE en Galicia, Pablo Lago, director de Informativos de RNE, Rafael Cid, director de Informativos de TVE en Galicia e Paco López, director de Informativos de Televisión de Galicia e Rosa Martínez, subdirectora de Informativos da Radio Galega.