----

O XACOBEO, TEMA DE DEBATE ENTRE MEDIOS DE COMUNICACIÓN E INSTITUCIÓNS NO CONSELLO DA CULTURA

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá este xoves e venres, días 27 e 28 de maio, as xornadas O CAMIÑO DE SANTIAGO, DIVERSIDADE CULTURAL E COMUNICACIÓN. O encontro, dirixido polo coordinador da Sección de Comunicación do CCG, Xosé López, e a secretaria xeral do Grupo Español de Comunicación da UNESCO, Ángeles Pérez, analizará a difusión do Ano Xacobeo desde diversas instancias: as universidades, as institucións públicas e eclesiásticas e os medios de comunicación públicos e privados.

¿Que se difunde a través dos medios?, ¿a celebración do Xacobeo, estase convertendo nun produto de consumo ou mantén a esencia cultural e relixiosa?. Para responder a estas e outras cuestións, nas xornadas presentaranse relatorios e mesas redondas que tratarán de pór en común, desde distintos puntos de vista, a importancia que ten preservar a diversidade cultural fronte á necesaria globalización tecnolóxica. O obxectivo último, segundo explicou Xosé López, é "abrir unha liña de traballo e reflexión sobre a difusión de todo o relacionado coa Ruta Xacobea e avanzar na creación dun espazo galego de comunicación".

O acto de inauguración das xornadas terá lugar mañá xoves, día 27, e está previsto que asistan Carlos Alberdi Alonso, director xeral de Cooperación e Comunicación Cultural do Ministerio de Cultura, Mar Lorenzo, vicereitora de Cultura e Servizos á Comunidade Universitaria da Universidade de Santiago, Ignacio Otero, secretario xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Xunta, Alfonso Zulueta de Haz, presidente do Consello da Cultura Galega, Luis Ramallo, presidente da Comisión Española da UNESCO e Tomás Solís, embaixador da Comisión Nacional da UNESCO en España.

Coa conferencia inaugural "A información na sociedade actual", a cargo do profesor Antonio Sánchez-Bravo, da Universidade Complutense de Madrid, darán comezo dous días de debate e reflexión en torno ao Camiño de Santiago, a comunicación e a diversidade cultural. Seguiralle unha mesa redonda moderada polo profesor Xosé López sobre a "Universidade e diversidade cultural, difusión desde as aulas", na que participarán o decano da Faculdade de Comunicación da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Javier Davara, e os profesores Bernardo Díaz Nosty, da Universidade de Málaga, Milagros Ronco, do País Vasco, e Fernando Lourenço, da Universidade de Lisboa.

Outras dúas mesas redondas centraranse na presenza do Camiño de Santiago nos medios de comunicación públicos e privados. O primeiro dos debates estará moderado por Manuel Lombao, director de Centros Territoriais de TVE, e contará coa participación Mercedes Luz, delegada da Axencia EFE en Galicia, Pablo Lago, director de Informativos de RNE, Rafael Cid, director de Informativos de TVE en Galicia e Paco López Barxas, director de Informativos de Televisión de Galicia e Rosa Martínez, subdirectora de Informativos da Radio Galega. Pola súa banda, no debate sobre o Camiño nos medios privados, que estará moderado por José Ángel Castro, director de Información Nacional da Axencia EFE, participarán Arturo Cerviño, director de Cadena COPE en Lugo, Javier Otero, director de Cadena SER, Fernando González Macías, director de Onda Cero, Cristóbal Ramírez, adxunto á dirección de La Voz de Galicia, e Xesús Portela, subdirector de Faro de Vigo.

A visión eclesiástica do Camiño de Santiago será exposta polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, que abordará o tema "Peregrinación e Ano Santo". Para acabar o encontro, o director de Emisoras Territoriais de RNE, Rafael Ortega, moderará unha mesa redonda sobre "O Camiño de Santiago: comunicación e cultura" que contará con representantes de Portugal, Andalucía, Francia, e Castela e León, xunto co secretario xeral de Comunicación Social e Turismo da Xunta, Ignacio Otero.