----

RESPONSÁBEIS DE CASAS-MUSEO REIVINDICAN O VALOR DAS RUTAS LITERARIAS PARA COÑECER A HISTORIA

As rutas literarias en Galicia e Portugal centran hoxe a segunda sesión das "III Xornadas sobre Casas-Museo. O Patrimonio Inmaterial" que celebra estes días o Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago de Compostela. O coordinador do encontro e secretario da Fundación Rosalía de Castro, Gonzalo Rey Lama, destacou o "valor inigualable" que supoñen as rutas literarias, os percorridos creados para os visitantes en base ao camiño que un escritor ou os seus personaxes realizaron., para coñecer a historia, as obras e o contorno.

Gonzalo Rey salientou o papel das casas-museo de escritores como parte do corpo patrimonial de cada comunidade que lle permite reforzar a súa identidade. Así, sinalou que os autores e as súas casas acaban por converterse en símbolos de identidade diferenciadora e ás veces inclusive en "santuario" para os cidadáns. Este papel das casas permite aos estudosos e aos visitantes en xeral unha mellor vivencia da memoria do escritor e do tempo no que viviu.

O responsábel das xornadas tamén recoñeceu que hoxe estes centros, grazas ao traballo realizado, xa non permanecen ancorados no pasado senón "que se abren ao ar fresco da modernidade" para achegarse mellor á poboación. Como exemplo deste traballo, Rey expuxo as características da ruta rosaliana que a Fundación na que traballa desenvolve desde 1985 e que cualificou como unha das máis antigas de España.

Tras a introdución de Gonzalo Rey nas rutas literarias, a xornadas de hoxe céntrase en coñecer as rutas creadas en Portugal. Antonio Piñeiro, da Fundación Curros Enríquez, foi o encargado de presentalas: a ruta de escritores do século XX ao redor de Coimbra e a ruta "Viaxar com..." sobre escritores da Rexión Norte de Portugal. Unhas iniciativas que explicarán en profundidade e ao longo da xornada de hoxe Ana María Botelho, da Comisão de Coordenação e Desenvolvemento Regional do Centro, o escritor Mário Cláudio e Helena Gil, da Delegação Regional da Cultura do Norte.

Para finalizar este encontro de responsábeis de casas-museo e estudosos, o director do Pen Clube de Galicia e escritor Luis González Tosar presentará unha proposta de ruta literaria galega, de camiño entre casas e lugares destacados na biografía de escritores galegos. Deste xeito clausuraranse dous días de debate en torno ás casas-museo e o patrimonio inmaterial coas que se pretendeu avanzar no coñecemento destes centros e intercambiar experiencias.