O encontro, que reunirá durante dous días a responsábeis de destacadas casas-museo e estudosos, comezou coa intervención do coordinador das xornadas e presidente da Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores, Gonzalo Rey Lama, quen salientou o papel destes centros como focos de irradiación cultural, opinión que compartiu o subdirector xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Francisco Castro. Pola súa banda, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, incidiu na relevancia do patrimonio inmaterial dunha cultura, do conxunto de formas colectivas que emanan desde a tradición e que se van transmitindo de xeración en xeración.
Ferrín foi o encargado de comezar os relatorios explicando o proxecto de creación da casa de Curros Enríquez. O escritor explicou que o obxectivo que perseguen é facer un centro de documentación e estudo sobre Curros, mais tamén un centro de reflexión histórica da localidade e o país onde se empraza. Así, destacou a importancia de "encher de pantasmas" as casas-museo para que sexan evocativas e permitan unha "comuñón mística" entre o visitante, a figura que a habitou e o tempo no que viviu. Neste senso, apuntou a importancia de que a Casa-Museo de Curros Enríquez se artelle nunha micro-rede local na que participen outros monumentos e lugares da zona e que permitan ós visitantes achegarse á historia de Galicia.
A xornada de hoxe continuou cun relatorio do director da Casa-Museo Zenobia y Juan Ramón Jiménez, Antonio Ramírez, no que destacou as achegas ao pensamento político e cultural de máis dun centenar de escritores galegos en Cuba, emigrantes e exiliados durante o século XX, e das publicacións alí creadas por esta comunidade. Os responsábeis das Casas-Museos de León y Castillo, de Verdaguer e das fundacións Rafael Alberti e Luís Seoane continuaron a xornada de hoxe expondo as súas experiencias ao fronte destas institucións culturais.
A xornada de mañá venres, día 14, estará dedicada ás rutas literarias, aos itinerarios que se crean para os visitantes seguindo "os camiños da vida e da obra dos autores", como sinala o coordinador das xornadas. Nesta segunda sesión, Portugal será o protagonista, seguindo a intención do CCG de estreitar lazos co país veciño. Os roteiros portugueses, as rutas dos escritores do século XX na Rexión Centro de Portugal e outros aspectos deste patrimonio inmaterial serán algúns dos puntos sobre os que traballarán os expertos. Para rematar, Luis González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, expoñerá unha proposta para unha ruta literaria galega.

