----

AS III XORNADAS SOBRE AS CASAS-MUSEO AFONDARÁN NO CARÁCTER DE FOCO CULTURAL DESTAS INSTITUCIÓNS

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá este xoves e venres, no salón de actos da institución, as III XORNADAS SOBRE AS CASAS-MUSEO. O PATRIMONIO INMATERIAL. O obxectivo destas xornadas é, segundo o seu coordinador, Gonzalo Rey Lama, "evidenciar e analizar o carácter de foco cultural que teñen as casas-museo", institucións emprazadas en casas onde viviron personaxes destacados e que xestionan o seu legado.

O escritor e académico Xosé Luis Méndez Ferrín será o encargado de abrir os dous días de traballo coas súas reflexións desde a Casa de Curros Enríquez. Esta primeira xornadas estará dedicada, como sinal Rey Lama, a avaliar que son os escritores máis alá da súa obra, como recollen o patrimonio inmaterial dun pobo nas súas obras e como se converten nun elemento de identidade para as súas comunidades. Ao longo desta primeira sesión, os responsables da Casa-Museo Zenobia e Juan Ramón Jiménez, a Casa-Museo León y Castillo, a Fundación Rafael Alberti e o Museo-Casa Verdaguer explicarán a súa experiencia na xestión do patrimonio inmaterial nos seus respectivos centros. Xa pola tarde, a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira, abordará a "Xestión cultural e os legados históricos" e pecharase a sesión cunha mesa redonda.

A xornada do venres, día 14, estará dedicada ás rutas literarias, aos itinerarios que se crean para os visitantes seguindo "os camiños da vida e da obra dos autores", como sinala o coordinador das xornadas. Os roteiros portugueses, as rutas dos escritores do século XX na Rexión Centro de Portugal e outros aspectos deste patrimonio inmaterial serán algúns dos puntos sobre os que traballarán os expertos. Para rematar, Luis González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, expoñerá unha proposta para unha ruta literaria galega.

A importancia do patrimonio inmaterial das casas-museo, segundo os organizadores, baséanse en que estes centros conservan no seu interior as pegadas dos personaxes que as habitaron e amósannos no seu exterior a terra que os acolleu. Polo tanto, a súa obra expresa, explícita ou implicitamente, a súa relación co patrimonio inmaterial que constitúe a casa e a terra, e o que nelas aconteceu e acontece.