Xosé López, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, dirixe estas xornadas xunto con Ángeles Pérez, Secretaria Xeral do Grupo Español de Comunicación da UNESCO. Na orgnaización colaboran asemade a Dirección Xeral de Cooperación e Comunicación Cultural do Ministerio de Cultura e a Asociación de Usuarios da Comunicación.
As xornadas abordarán a difusión do Ano Xacobeo desde diversas instancias: as universidades, as institucións públicas e eclesiástica e os medios de comunicación públicos e privados. ¿Que se difunde a través dos medios?... A celebración do Xacobeo, ¿estase convertendo nun produto de consumo ou mantén a esencia cultural e relixiosa?. Para responder a estas e outras cuestións, nas xornadas presentaranse relatorios e mesas redondas que tratarán de pór en común, desde distintos puntos de vista, a importancia que ten preservar a diversidade cultural fronte á necesaria globalización tecnolóxica.
O acto de inauguración terá lugar o xoves día 27 e está previsto que asistan o presidente da Xunta, Manuel Fraga, o director xeral de Cooperación e Comunicación Cultural do Ministerio de Cultura, Carlos Alberdi, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela; Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG e o embaixador da Comisión Nacional da UNESCO en España, Tomás Solís.
Coa conferencia inaugural "A información na sociedade actual", a cargo do profesor Antonio Sánchez-Bravo, da Universidade Complutense de Madrid, darán comezo dous días de debate e reflexión en torno ao Camiño de Santiago, a comunicación e a diversidade cultural. Seguiralle unha mesa redonda moderada polo profesor Xosé López sobre a "Universidade e diversidade cultural, difusión desde as aulas", na que participarán os decanos das Faculdades de Comunicación da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Javier Davara, da Universidade Pontificia de Salamanca, Ángel Losada, e de Santiago, Miguel Túñez, e os profesores Bernardo Díaz Nosty, da Universidade de Málaga, Milagros Ronco, do País Vasco, e José Almansa, presidente da Asemblea da Universidade de Lisboa.
Outras dúas mesas redondas centraranse na presenza do Camiño de Santiago nos medios de comunicación públicos e privados. O primeiro dos debates estará moderado por José Ángel Castro, director de Información Nacional da Axencia EFE e contará coa participación de Mercedes Luz, delegada de EFE en Galicia, Severino Cagide, director de RTVE en Galicia, José Octavio Rodríguez, director de TVE en Galicia, Rosa Martínez, da Radio Galega, e un representante da TVG. Pola súa banda, no debate sobre o Camiño nos medios privados, que estará moderado polo directo de Relacións Internacionais de RTVE Pedro González, participarán responsábeis da Cadena COPE, Onda Cero, Cadena Ser, Faro de Vigo e La Voz de Galicia.
A visión eclesiástica do Camiño de Santiago será exposta polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, que abordará o tema "Peregrinación e Ano Santo". Para acabar o encontro, o director de Emisoras Territoriais de RNE, Rafael Ortega, moderará unha mesa redonda sobre "O Camiño de Santiago: comunicación e cultura" que contará con representantes de Portugal, Andalucía, Francia, e Castela e León, xunto co secretario xeral de Comunicación Social e Turismo da Xunta, Ignacio Otero.

