Durante a presentación esta mañá do Coloquio, o seu director, Antoni Rossell, destacou que o obxectivo do encontro é "divulgar e revalorizar a obra mariana alfonsina escrita en lingua galega". Para elo, destacou, reuníronse aos mellores expertos na área: os profesores Hans Joseph Niederehe (Universidade de Trier-Alemaña); Mercedes Brea (Facultade de Filloxía-Univ. de Santiago); Jesús Montoya (Univ. de Granada), Xosé Suárez (conservador da Catedral de Santiago); Marta Schaffer (Univ. de San Francisco-USA); Valeria Bertolucci (Editora de Studi Medievali. Pisa, Italia); Antoni Rossell (Univ. Autónoma de Barcelona); Christian Rault (Niort, Francia); Carlos Alvar (Univ. de Xenebra) e Stephen Parkinson (catedrático da Univ. de Oxford).
Rosell tamén salientou que este Coloquio é "a punta do iceberg" do amplo proxecto de investigación e divulgación das Cantigas que leva a cabo o Consello da Cultura Galega, que tivo o seu precedente nunha edición facsímile do Códice de Toledo e que continuará o vindeiro ano cunha magna exposición en torno a esta obra: "SANTA MARÍA, STRELA DO DÍA. O humano e o divino nas Cantigas de Santa María de Afonso X". Un pequeno adianto desta mostra inaugurarase mañá na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez.
O secretario do CCG, Henrique Monteagudo, destacou a importancia de que Galicia asuma un papel de dinamizador do estudo e difusión do repertorio mariano escrito en galego, que cualifican como un dos grandes monumentos do século XIII estudado a nivel internacional. Opinión que comparte Alejandro Barral, director do Museo da Catedral de Santiago, quen destacou a colaboración entre as dúas entidades para a celebración deste evento, que cualificou de "extraordinario".

