----

O COLOQUIO DAS CANTIGAS DE SANTA MARÍA REMATA ABRINDO NOVAS VÍAS DE INVESTIGACIÓN DA OBRA

O COLOQUIO UNIVERSITARIO INTERNACIONAL AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA: TEXTOS E CONTEXTOS (Historia, Arte, Música e Literatura), organizado polo Consello da Cultura Galega, chega hoxe ao seu fin despois de dous días de debate e estudo. No balance, o director do evento, Antoni Rosell, destacou que deste Coloquio naceron "novas vías e apostas de futuro para a investigación multidisciplinar do repertorio mariano". Na súa opinión, o relevante é que "aparezan novas perspectivas epistemolóxicas para abordar un repertorio que posúe a virtude de ofrecer múltiples ámbitos de interese: literarios, musicais, artísticos (as miniaturas), pero que tamén permite afondar no estudo da lingua galega, na figura da muller na Idade Media e mesmo na estratexia política no rei Afonso X".

A segunda xornada do Coloquio continuou hoxe analizando aspectos dos repertorio mariano alfonsí como a música, as características materiais do códice ou a retórica. Rosell, profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, abordou a música no repertorio mariano advertindo que "é necesario sacarnos ese romanticismo que nos invade ao falar da Idade Media". Na súa opinión, á hora de falar da parte musical das Cantigas hai dous problemas: a transcrición das melodías e a interpretación. Así sinalou que "estamos diante dunha loita entre o que a nós nos gusta na actualidade, os nosos gustos estéticos, e o que arqueoloxicamente é correcto". Precisamente para pechar o encontro e recrear a música dos cancioneiros medievais, Antoni Rosell, Sonia Reborido, Ana Fernández e Ibán Costa ofrecerán ás 20:30 o concerto "Cantigas, trobadores e xograres", na Sala dos Banquetes do Pazo de Xelmírez.

A xornada de hoxe tamén contou coa participación da catedrática da Universidade de San Francisco (USA), Marta Schaffer, quen fixo unha minuciosa análise do manuscrito desde o punto das súas características formais. Hai que lembrar que as Cantigas de Santa María son una colección de 427 textos poéticos dedicados á Virxe e realizados por varios redactores e compositores baixo a dirección de Afonso X "O sabio", quen con esta obra, ademais de divulgar o culto á Virxe, quería avalar as súas pretensións europeas de ser emperador.

O último día do encontro, ao que asiste medio centenar de profesores, investigadores e estudantes, contou tamén coas intervencións de Valeria Bertolucci, da editorial de Studi Medievali de Italia, de Christian Rault, de Luthier-Francia, de Carlos Alvar, catedrático da Universidade de Xenebra, e de Stephen Parkinson, catedrático da Universidade de Oxford. Coas súas conferencias péchase un encontro que reuniu aos principais especialistas nas Cantigas no ámbito internacional e que se completou coa inauguración no Pazo de Xelmírez dun pequeno adianto do que será unha magna exposición sobre o humano e o divino no repertorio mariano que celebrará o CCG desde xullo a outubro de 2005.