As Cantigas de Santa María son una colección de 427 textos poéticos dedicados á Virxe e realizados por varios redactores e compositores baixo a dirección do monarca Afonso X "O sabio", quen con esta obra, ademais de divulgar o culto á Virxe, quería avalar as súas pretensións europeas de ser emperador. O repertorio mariano alfonsí está considerado unha das grandes obras culturais da Idade Media.
O presidente do Consello da Cultura Galega, organizador do Coloquio, Alfonso Zulueta de Haz, destacou na inauguración "a protección e o cultivo do pluralismo lingüísticos que fixo Afonso X" e sinalou que o traballo que está realizando o CCG para revalorizar as Cantigas quere ser "o pago da débeda contraída por Galicia con este monarca". Un débeda que comparte a directora xeral de Promoción Cultural da Xunta, María do Carmen García, que amosou a intención do seu departamento de "estreitar a colaboración co CCG" para seguir afondando no coñecemento destes manuscritos e do seu tempo.
O ciclo de conferencias comezou esta mañá coa intervención do catedrático Hans Joseph Niederehe, da Universidade de Trier-Alemaña, experto en lingua e literatura do século XIII, momento no que se crearon as Cantigas. Niedereche expuxo a situación das linguas peninsulares en tempos de Afonso X e destacou que "este monarca foi o primeiro en empregar un idioma moderno, en vez do latín, na súa obra", o castelán e o galego. A continuación, Mercedes Brea, catedrática da Universidade de Santiago, reivindicou o valor do repertorio mariano no contexto literario europeo.
A celebración deste evento inscríbese nun máis amplo proxecto de investigación e divulgación das Cantigas que leva a cabo CCG e que tivo o seu precedente nunha edición facsímile do Códice de Toledo. Para o ano que vén está prevista a celebración da magna exposición "SANTA MARÍA, STRELA DO DÍA. O humano e o divino nas Cantigas de Santa María de Afonso X", da cal xa se pode ver un adianto desde hoxe na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez. A elección deste lugar para a celebración do Coloquio e da exposición débese, tal e como sinalou o deán da Catedral de Santiago, Manuel Cabo, a que este edificio rematouse de construír pouco antes de escribirse as Cantigas, polo que o Pazo de Xelmírez se converte nun marco incomparable para entender o momento histórico no que foron concibidas.
O Coloquio, ao que asisten medio centenar de investigadores, profesores e estudantes, continuará esta tarde cunha conferencia do catedrático da Universidade de Granada Jesús Montoya, quen abordará a relación entre a literatura e a sociedade nas Cantigas, e cun relatorio do conservador da Catedral de Santiago, Xesús Suárez, quen fará unha reconstrución da cultura e da vida na Galicia de entón. A xornada rematará cunha recepción oficial na Catedral de Santiago ás 19:00 horas. Mañá venres, os relatorios continuarán abordando o Códice desde o punto de vista da música, as características físicas do manuscrito e a retórica, entre outros, para rematar cun concerto de Antoni Rossell e C. Courtly Music Consort.

