----

COMUNICADO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA PERANTE A CATÁSTROFE DO PRESTIGE

O Consello da Cultura Galega, diante da catástrofe que están a padecer as costas galegas a causa do accidente do petroleiro Prestige, desexa expresar diante da opinión pública:

a) A súa solidariedade cos afectados directos da marea negra, isto é, o sector pesqueiro e mariñeiro galegos e as poboacións da beiramar. As administracións públicas deben atender de forma urxente, pero tamén sostida no futuro, as necesidades destas poboacións que quedan sen o seu principal ou único medio de sustento.

b) A súa seria preocupación sobre o gravísimo impacto da marea negra sobre o medio natural, que é un patrimonio dos galegos pero tamén do conxunto da humanidade. Deben tomarse medidas inmediatas para tentar minorar os danos medio-ambientais canto antes e todo o do posible.

c) O seu agradecemento ó conxunto da sociedade galega e tamén ás numerosas persoas de fóra de Galicia que participaron nela, pola masiva resposta cívica ante o desastre. Queremos subliñar a notabilísima achega do voluntariado ás tarefas de limpeza do litoral afectado.

d) A súa convicción de que estes riscos poderían ser evitados ou cando menos minimizados cunha política seria e realista de prevención, que debe ser xa unha prioridade absoluta para os poderes públicos.

e) O seu chamamento ás autoridades españolas e da Comunidade Europea para que, de acordo con estudios obxectivos, se dote Galicia dos medios técnicos, xurídicos e operativos axeitados para o conveniente control do tránsito marítimo e a protección das súas costas.

f) A súa esixencia ás administracións públicas e ós medios de comunicación para que ofrezan unha información puntual e veraz dos feitos, evitando o alarmismo innecesario pero sen diminuír nin disimular a súa gravidade.

Como órgano de estudio da realidade cultural galega e asesoramento dos poderes públicos de Galicia, conscientes do valor patrimonial, ademais do económico e vital, do contorno natural danado, o Consello da Cultura Galega ofrécese como foro de reflexión sobre a problemática suscitada por sucesos coma este. Así mesmo, anuncia a súa intención de promover en breve xornadas de estudio, coa participación de expertos internacionais, para tirar conclusións que poidan ser útiles nos aspectos que antes indicamos. A representación do Consell Valencià de Cultura que nos está a visitar oficialmente estes días, presidida por D. Santiago Grisolía, desexa mostrar a súa solidariedade do pobo galego e a súa plena adhesión pública a este comunicado.