----

DARÍO VILLANUEVA REXEITA UN MODELO DE ORGANIZACIÓN PARA AS CASAS - MUSEO, "QUE DEBEN AXUSTARSE A CADA ESCRITOR"

"Nun momento no que a literatura perde importancia fronte a outras forzas as casas - museo son coma faros que alumean un mar que doutro xeito sería inhóspito e podería levarnos á desconsideración da creación literaria". Así de expresaba o rector saínte da USC, Darío Villanueva, encargado de abordar o fenómeno das casas dos escritores desde o punto de vista da teoría literaria no marco das II Xornadas sobre Casas - Museo que se desenvolven ata mañá no Consello da Cultura Galega. Villanueva amosouse partidario da variedade de estructuras, organización interna e do perfil de cada casa, xa que "sería absurdo ofrecer un modelo ou patrón de casa cando os escritores, de seu, son personalidades irrepetíbles" polo que, segundo Villanueva, "o ideal é que as casas que recollen o seu legado se axusten ás circunstancias específicas do escritor e ós propios acontecementos que deron lugar ó nacemento desta persoa".

Como catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC , Villanueva dedicou a primeira parte da súa intervención a explicar conceptos como o "morte do autor", teoría que sobrevaloraba a obra do autor por riba da súa propia persoa e que hoxe está superada por outras tendencias como a da "xenética textual", unha corrente francesa que se interesa pola análise documental de todo o proceso de creación das obras, tendencia para a que resulta de grande importancia as casas - museo "porque alí se atesoura o material que axudaría nestes estudios". O seu vencellamento co proxecto da Fundación Camilo José Cela desde o seu nacemento e a súa experiencia persoal e "íntima" coas casas de escritores, como "lugares dos que gusto e que considero interesantes e útiles" completaron a súa intervención, a última da sesión da tarde.

Rosalía, "irmá" de Blas de Otero
Antes do ex rector, as xornadas contaron coa participación dos responsables da casas de Blas de Otero, Verdaguer e Gerado Diego. Así, a presidenta da Fundación Blas de Otero e compañeira do poeta nos seus últimos anos, Sabina de la Cruz, puxo de manifesto a relación poética que uniu a Blas de Otero con Rosalía de Castro, a quen o poeta bilbaíno consideraba como "unha das voces que estremeceron e acompañaron a Blas de Otero ó longo de toda a súa vida". Neste sentido, Sabina de la Cruz asegurou que a través de toda a obra poética de Otero obsérvase unha comunicación poética con Rosalía, a quen Blas de Otero consideraba como "unha irmá de espírito, unha compaña permanente na que se apoiou".

Na súa intervención, a presidenta desta Fundación fixo un miúdo repaso polas referencias a Rosalía na obra do poeta. Catro son os escritos, entre poemas e prosa poética, nas que está mencionada, textos dalgún dos cales Sabina de la Cruz trouxo fotocopia do manuscrito orixinal como presente para a Fundación Rosalía de Castro, abrindo así o que cualificou como "unha necesidade de intercambio e de contacto entre as institucións que se dedican a recuperar e preservar este patrimonio".

No centenario da morte de Verdaguer, motor da Renaiçença
Os actos ó redor da celebración do centenario da morte do escritor catalán Verdaguer e un repaso polo seu perfil biográfico foron os eixes centrais da intervención de Carmen Torrent, directora da Casa - Museo que o escritor ten en Folgueroles. Segundo destacou Torrent, o papel de Verdaguer como impulsor da Reinaiçença catalana foi moi similar ó de Rosalía no Rexurdimento polo que invitou a que algún estudioso se animara a facer un profundo estudio comparativo das obras de ambos autores posto que as similitudes foron varias.

"Ambos reivindicaron o valor da lingua vernácula, foron considerados 'poetas do pobo', a súa biografía foi manipulada e pronto se converteron en mitos", destacou Carmen Torrent. A segunda parte do seu relatorio estivo centrado nas dificultades que se lles presentaron á hora de organizar os actos do centenario. "Foi necesario superar a imaxe "anquilosada" de Verdaguer, visto unicamente como un cura que escribía versos, para tentar ofrecer unha visión moito máis moderna, atractiva e contemporánea", asegurou a directora, quen destacou que outro dos problemas constituíndo o feito de ter que "competir" co 150 aniversario de Gaudí, evento que tivo uns presupostos moi por riba dos que tivo a casa de Verdaguer. Neste sentido, a súa directora, queixouse da escasa implicación institucional pero loubou o grande impacto que no público tivo a recuperación desta figura.

Co soneto "Ángeles de Compostela", a filla de Gerardo Diego e vicepresidenta da súa Fundación, Helena Diego, abordou a súa participación nestas xornadas, participación que centrou no amplo e rico epistolario que a Fundación atesoura a partir de tódalas cartas que Gerardo Diego intercambiou cos poetas do seu grupo, ós que continuou unido pese á Guerra Civil e ó exilio. As sinxelas cartas entre Lorca, Salinas, Alberti, Altolaguirre ou Emilio Prados, ó que Gerardo Diego coñeceu tras 33 anos de intercambio epistolar, foron desgranadas pouco a pouco a través da voz da súa filla.