Segundo se puxo de manifesto a través dos relatorios de Rosa María Quintana, directora da Casa - Museo de Pérez Galdós, e de Inmaculada Pérez Maza, vencellada ó departamento Pedagóxico do Centro de Atlántico de Arte Moderna nas Palmas (CAAM), o uso das denominadas "maletas didácticas" demostrou ser unha das mellores e máis prácticas ferramentas para achegarlle á literatura ós rapaces, algo moi importante se temos en conta que "a literatura está eliminada como materia obrigatoria nos planes de estudio", tal e como advertiu a directora da casa - museo de Galdós. Esta relatora recalcou a necesidade de que os museos se adapten á sociedade na que viven, evitando a parcialidade e a manipulación e traballando por una xestión eficaz "dirixida a respostar ás necesidades de cada individuo dun xeito particular e individualizado".
Neste sentido, Rosa Mª Quintana fixo un miúdo repaso por todas as actividades que desenvolve a casa - museo que dirixe, unha das máis relevantes a nivel estatal, actividades todas elas proxectadas en función dos distintos tipos de visitantes que reciben (nenos, visitas concertadas, terceira idade, turistas, etc). Talleres, cursos, premios literarios, bolsas de investigación, exposicións ou edición de publicacións en torno á figura e á obra do escritor canario son algunhas das actividades que esta responsable mencionou, sen esquecer as "maletas didácticas", con material para o traballo nas aulas en torno á figura de Pérez Galdós.
As maletas didácticas
Sen embargo, quen se ocupou máis polo miúdo de explicar o proceso de construcción e o funcionamento dunha "maleta didáctica" foi Inmaculada Pérez Maza, membro do departamento Pedagóxico do CAAM nas Palmas e responsable da "maleta didáctica da casa - museo de Tomás Morales". Dun xeito didáctico e ameno, Pérez Maza expuxo a xénese desta maleta, xurdida como resposta á necesidade de motivar ós nenos a visitar o museo deste escritor. Os profesores son os encargados, a través dunha sinxela guía, de traballar con esta maleta co obxectivo de "crear expectación e interese para que os nenos desexen visitar o museo a través do abastecemento de información en pequenas doses, para non esnaquizar a visita".
Esta relatora insistiu nas avantaxes que presentaba este tipo de iniciativas, que se integran perfectamente nos contidos habituais que os rapaces imparten nos planes de docencia e que lles permiten, dun modo ameno e práctico "achegarse á obra deste escritor, superando as dificultades que lle aparecería a lectura das súas obras sen o apoio de material pedagóxico". O éxito destas "maletas", das que existe unha para alumnos de primaria e outra para os de secundaria, entusiasmou a moitos responsables de casas - museo, que se amosaron interesados en aplicar esta iniciativa ás súas institucións.
A xornada rematou cunha mesa redonda en torno á focalidade social das casas - museo, mesa que contou coa participación de Ángel García Fernández, coordinador de Centros da Caja de Ahorros Mediterránea, Antonio Montero Carro, secretario da Fundación Wenceslao Fernández Flórez e Antonio Ramírez Almansa, director da casa - museo de Juan Ramón Jiménez en Moguer.

