----

A MELLOR ARQUITECTURA MADRILEÑA CENTRARÁ DOUS DÍAS DE DEBATE E ANÁLISE NO CONSELLO DA CULTURA

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega celebrará este xoves e venres, días 16 e 17 de decembro, as xornadas "A arquitectura desde Madrid". Nelas, 14 dos máis relevantes arquitectos, investigadores e críticos da capital madrileña analizarán pormenorizadamente a arquitectura que se está a desenvolver nese territorio e exporán as súas obras e opinións ante preto de 140 profesionais e universitarios matriculados no encontro.

O coordinador da Sección, Iago Seara, destaca que o obxectivo desta iniciativa é "divulgar entre o público galego a actual arquitectura madrileña, pero tamén dar un paso máis no estabelecemento de novos lazos culturais e canles de diálogo que permitan mellorar a formación dos profesionais galegos".

Para abordar esta análise, o CCG convidou a membros das distintas xeracións de profesionais en activo e representantes de diferentes xeitos de entender o fenómeno arquitectónico. Profesionais veteranos e plenamente consagrados como Juan Antonio Corrales compartirán debate e diálogo con representantes das máis novas xeracións, como Crisitina Díaz e Efrén García. As achegos de arquitectos que contan cun notable recoñecemento internacional, como é o caso de Tuñón e Mansilla ou Juan Navarro Baldeweg, complementaranse cos posicionamentos críticos de enorme interese de arquitectos como Carlos Puente ou o equipo de Soto e Maroto.

Estas xornadas, coordinadas por Gabriel Ruiz e Iago Seara, continúan o traballo que nos últimos meses realiza o Consello da Cultura Galega abordando a arquitectura que se desenvolve en distintos focos de especial significancia na Península. Os primeiros encontros centráronse na arquitectura en Lisboa, en Cataluña e no País Vasco e Navarra. Nesta cuarta edición, a elección foi Madrid. Esta cidade constitúe un foco cultural especialmente activo e cunha forte tradición arquitectónica que o converten hoxe en día nun elemento fundamental para calquera abordaxe que se pretenda facer da arquitectura contemporánea na Península Ibérica. A proxección de moitos dos seus profesionais alén do seu ámbito e da Península, sitúa á arquitectura madrileña nunha situación referencial que a Sección de Arquitectura do CCG non podía deixar de subliñar.

Con este tipo de xornadas, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destaca que "se consigue encher un baleiro que existía no ámbito da arquitectura e que era necesario encher para continuar alimentando o crecemento da cultura galega".

* Galería fotográfica dos arquitectos na web da institución