----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PRESENTA MAÑÁ MARTES AS XORNADAS "A ARQUITECTURA DESDE MADRID"

As xornadas "A ARQUITECTURA DESDE MADRID" serán presentadas en rolda de prensa mañá martes, día 14 de decembro, ás 12´00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG). O encontro está organizado pola Sección de Arquitectura do CCG e continúa a liña marcada polos encontros dedicados ás arquitecturas lisboeta, catalana e vasco-navarra celebrados con anterioridade.

Estas xornadas pretenden ofrecer por vez primeira en Galicia unha visión ampla e desde diferentes perspectivas da arquitectura proxectada e realizada en Madrid. Con este obxectivo, foron convidados catorce destacados arquitectos, críticos e investigadores que reflexionarán e debaterán arredor do fenómeno arquitectónico nun centro referencial para a arquitectura da Península Ibérica, a capital española, un territorio cultural en constante transformación.

Coordinadas por Gabriel Ruiz Cabrero e Iago Seara Morales, as xornadas "A arquitectura desde Madrid" terán lugar no Consello da Cultura Galega os días 16 e 17 de decembro, en sesións de mañá e tarde, e permitirán dar a coñecer o traballo desenvolvido no espazo madrileño.

Na rolda de prensa de presentación mañá martes intervirán Alfonso Zulueta de Haz, presidente do Consello da Cultura Galega, e Iago Seara Morales, coordinador da Sección de Arquitectura do CCG.