----

BAIONA CELEBRA ESTE SÁBADO A II XORNADA SOBRE "O CONDE DE GONDOMAR E A SÚA ÉPOCA"

A Comandancia da Mariña de Baiona (Pontevedra) acollerá este sábado, 27 de novembro, as II Xornadas sobre "O Conde de Gondomar e a súa época". Organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), o encontro, en sesión de mañá e tarde, contará coa participación de oito historiadores galegos. O acto inaugural será presidido, ás 10´15 horas, polo presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, a quen acompañará o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal.

Os relatorios abordarán aspectos como "A nobreza galega na Idade Moderna: unha visión global" (Ramón Villares Paz), “Gondomar e Lemos en defensa de Galicia" (Eduardo Pardo de Guevara y Valdés), "Gondomar, Baiona e a defensa de Galicia" (María Carmen Saavedra Vázquez), "Os pazos da provincia de Tui" (Ana María Pereira Morales) e "A Galicia meridional no Antigo Réxime" (José Manuel Pérez García). Pola súa banda, Rosario Álvarez Blanco e José Luís Rodríguez Montederramo falarán sobre "Os galegos nos tempos do Conde de Gondomar" e Pegerto Saavedra será o encargado de presentar as conclusións da xornada.

UNHA FIGURA CIMEIRA

Diego Sarmiento de Acuña (1567-1626), primeiro Conde de Gondomar, nacido na vila que lle dá nome, foi unha figura cimeira da política, a milicia e a diplomacia e un destacado servidor de Galicia en anos de decadencia. Gobernador de Baiona e embaixador en Londres por dúas veces, foi tamén un home de grande cultura, protector e amigo de escritores e artistas e personaxe decisivo para que Galicia puidera recuperar o voto nas Cortes nos primeiros anos do século XVII. Empregou, polo demais, o galego en parte da súa voluminosa e ricaz correspondencia e escribiu reiteradamente o seu desexo de "ser e parecer un bo e verdadeiro galego".

A I Xornada sobre a figura do Conde de Gondomar tivo lugar o 23 de novembro de 2002 na Casa da Cultura de Gondomar, tamén por iniciativa do CCG. A cita ten carácter bianual e celébrase alternativamente en Gondomar e Baiona. Ademais das xornadas, o CCG ten en marcha un proxecto para publicar a súa correspondencia. Máis de trinta mil documentos inéditos poderán ver a luz grazas a un convenio asinado coa Deputación Provincial de Pontevedra.