----

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA MAÑÁ MÉRCORES O SIMPOSIO DE ANTROPOLOXÍA "LEMBRANDO A DON XAQUÍN LORENZO"

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá mañá mércores, día 24 de novembro, ás 12´00 horas, a rolda de prensa de presentación do SIMPOSIO DE ANTROPOLOXÍA "LEMBRANDO A DON XAQUÍN LORENZO". Este encontro terá lugar os días 25, 26 e 27 de novembro no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

A rolda de prensa celebrarase no salón de actos do CCG e contará coa presenza de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña Busto, coordinador da Sección de Antropoloxía Cultural do CCG, Xosé Manuel González Reboredo, membro da mesma sección, e o secretario do CCG, Henrique Monteagudo.

O simposio, amais de lembrar e homenaxear a obra de Xaquín Lorenzo, quen este ano protagonizou o Día das Letras Galegas, considerará, desde unha perspectiva actual, o campo disciplinar -a etnografía- ao que "Xocas" dedicou unha parte fundamental do seu traballo.

Nas sesións de traballo intervirán quince especialistas procedentes de universidades e centros de investigación de España, Portugal e Francia. Entre eles figuran Juan Agudo Torrico, Manuel Delgado, Marcial Gondar, Antonio Medeiros, Odile Welfelé e Josep Martí.

O simposio está organizado polo Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia. Conta ademais coa colaboración da Real Academia Galega.