O SIMPOSIO DE ANTROPOLOXÍA "LEMBRANDO A DON XAQUÍN LORENZO" ABRE AS SESIÓNS MAÑÁ NO MUSEO DO POBO GALEGO, EN SANTIAGO

O SIMPOSIO DE ANTROPOLOXÍA "LEMBRANDO A DON XAQUÍN LORENZO" servirá para estudar as orientacións que guiaron ao creador da etnografía galega e tamén para atender as incitacións da sociedade actual desde a perspectiva e a reflexión da antropoloxía cultural. Os obxectivos resumiunos o profesor Xosé Manuel González Reboredo durante a presentación do encontro que vai celebrarse os días 25, 26 e 27 de novembro no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

González Reboredo explicou, no curso da rolda de prensa celebrada no Consello da Cultura Galega (CCG), a configuración do programa dos tres días de traballo do simposio. "No primeiro intentaremos reconstruír, coa perspectiva actual, a historia da investigación etnográfica na Galicia da primeira metade do século XX, a dos tempos de Xaquín Lorenzo. O segundo día reflexionaremos sobre o xeito de patrimonializar ese legado cultural para que sexa útil no noso tempo. Por último, na terceira sesión contemplaremos a forma de achegármonos ás expresións populares, folclóricas e culturais da sociedade actual".

Francisco Fariña Busto, coordinador da Sección de Antropoloxía Cultural do CCG, falou de Xaquín Lorenzo como "un mestre e unha testemuña para todos nós" e do simposio como "un xeito de compromiso co seu legado e o seu exemplo". "As súas pegadas son aínda o noso camiño", dixo lembrando unha frase de Florentino López Cuevillas. Fariña tamén agradeceu a colaboración do CCG e a dos museos "cos que don Xaquín tivo contacto permanente"

María Xosé Cerviño, secretaria do Museo do Pobo Galego, salientou o feito de que este simposio forma parte dun programa de actividades que, durante este ano, serviu para lembrar e homenaxear a Xaquín Lorenzo, a quen a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas.

Organizado polo Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia, coa colaboración da Real Academia Galega, o simposio reunirá a quince especialistas procedentes de universidades e centros de investigación de España, Portugal e Francia. Entre eles, Juan Agudo Torrico, Manuel Delgado, Marcial Gondar, Antonio Medeiros e Odile Welfelé, Josep Martí, Carlos García Martínez, Xosé Carlos Sierra Rodríguez ou Xosé Manuel González Reboredo.