Este proxecto naceu co obxectivo de localizar, catalogar, transcribir e estudar os miliarios e outras inscricións viarias de época romana na Gallaecia ampla, que no período tardo-imperial incluía o Portugal de aquén-Douro e estaba estreitamente vencellado á veciña rexión asturicense. Os miliarios eran monumentos de pedra con inscricións que balizaban e sinalizaban a rede viaria romana ao longo do seu trazado.
A iniciativa xurdiu no marco do proxecto internacional para a elaboración do suplemento do CIL (Corpus Inscriptionum Latinarum), que está a levar a cabo a Academia de Berlín, coa idea de reunir nun único corpus o conxunto de miliarios e demais inscricións viarias pertencentes aos tres conventos xurídicos do noroeste hispánico.
Despois de seis anos de intenso e minucioso traballo de campo e consultas en bibliotecas e arquivos, os investigadores conseguiron catalogar máis de 600 miliarios e outras inscricións viarias, que na obra aparecen fotografados, descritos e coa correspondente interpretación dos textos que teñen gravados, en moitos casos danados polo paso do tempo.
A presentación contará coas intervencións, ademais dos autores, de Gèza Alföldy, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Heidelberg e presidente do Proxecto da Academia de Berlín "Miliarii Imperii Romani", e de Jorge de Alarcao, catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Coimbra.
- Hora: 17:00 horas
- Lugar: salón de actos do CCG. Pazo de Raxoi, 2º Andar. Santiago de Compostela.
- Esta presentación repetirase o día 21 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Universidade de Braga- Portugal

