----

MÁIS DE 200 TÉCNICOS E INVESTIGADORES ANALIZARÁN A SITUACIÓN DO GALEGO NOS VIII ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN

O director xeral de Política Lingüística da Xunta, Xesús Pablo González Moreiras, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, inaugurarán este xoves, 20 de xaneiro, a oitava edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do CCG. Ata o vindeiro sábado, este foro reunirá a máis de douscentos técnicos dos servizos de normalización lingüística e servizos de tradución das administracións galegas e de entidades privadas e a investigadores e estudantes de sociolingüística galega, para abordar os problemas do idioma en vésperas da aplicación do Plano Xeral de Normalización Lingüística (PXNL).

Estes encontros constitúen o único foro regular convocado anualmente para o estudo, reflexión e o debate sobre os problemas da promoción social do idioma. Pretenden ademais converterse no punto de encontro das persoas que desenvolven o seu labor profesional nos diferentes servizos lingüísticos, contribuír á formación de especialistas en sociolingüística galega e dar a coñecer os novos proxectos e recursos elaborados para o desenvolvemento e difusión do galego.

Nesta VIII edición, os temas máis salientables que se tocarán son tres: no apartado de novas tecnoloxías, os recursos lingüísticos na rede; na análise de ámbitos cruciais para a normalización, a situación sociolingüística e mais o papel dos medios de comunicación; e en canto a iniciativas de relevo, o Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado recentemente polo Parlamento e que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, comezará a aplicar este sábado.Así, o segundo día das xornadas estará dedicado case en exclusiva ao PXNL, coa asistencia de expertos que participaron na súa elaboración e de representantes e responsables políticos e axentes sociais. O propio director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, será o encargado de analizar as perspectivas de execución do Plano ante os profesionais, investigadores e estudantes asistentes.

Os encontros, coordinados por Susana Mayo, terán lugar na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Santiago de Compostela e na sede do Consello da Cultura Galega. No seu deseño participou un comité científico formado por Antón Santamarina, Anxo Lorenzo, Henrique Monteagudo e Goretti Sanmartín.