----

ALFONSO ZULUETA: "O PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN DEBE SERVIR PARA QUE AS INSTITUCIÓNS E A SOCIEDADE ASUMAN AS SÚAS RESPONSABILIDADES"

A oitava edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG), reúnen desde hoxe e ata o vindeiro sábado a máis de douscentos técnicos e investigadores de lingua en Santiago de Compostela. Na inauguración das xornadas, o director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, e os responsables do CCG amosaron as súas expectativas en torno ao tema vertebrador deste encontro, a inminente posta en marcha por parte da Xunta das medidas do Plano Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) o vindeiro sábado.

O director xeral de Política Lingüística destacou que "hoxe nos atopamos cun Plano para a esperanza, un Plano que é de todos" e que "segue sendo un Plano aberto, que admite achegas e melloras, pero sobre todo aberto á ilusión da xente que traballa pola lingua galega", porque, na súa opinión, "o tema da lingua ou o sacamos a diante os que temos un compromiso con ela ou non sae adiante".

Pola súa banda, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destacou que o PXNL trátase "dunha acción decisiva neste momento que debe servir, ademais, para que os poderes públicos e a sociedade asuman decididamente as súas responsabilidades para o eficaz cumprimento da norma". Zulueta ofreceu ao director xeral a colaboración da institución que preside, unha colaboración, sinalou, que se materializará "en forma de proposta cunha serie de liñas básicas, esenciais, para o mellor desenvolvemento do Plan". Esta proposta, indicou, presentarase ás forzas políticas coa finalidade de que a teñan en conta á hora de redactar os seus programas electorais e, moi especialmente, no momento de afrontar unha nova lexislatura.

O director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Henrique Monteagudo, destacou a importancia deste foro como punto de referenza para o estudo, a reflexión e o debate sobre os problemas da promoción social do idioma. Sobre o PXNL, Monteagudo destacou que se trata da "iniciativa máis importante e agardada no ámbito da normalización, na que temos depositadas moitas esperanzas".

Para rematar, González Moreiras agradeceu toda a colaboración recibida e os esforzos feitos ata chegar a este Plano, así como o empeño e a confianza depositados nel. Recordou como hai dous anos, nestes mesmos encontros, "estabamos cheos de boas intencións e esperanza pero con moitas incógnitas, cun Plano que nacía con ánimo de consenso". O sábado, sinala, comezarán a executarse as 445 medidas do Plano e agarda que "dentro de dous anos nos volvamos reunir e poidamos facer unha avaliación positiva do que foi a súa aplicación". Tamén destacou o seu desexo de que "a execución do Plano saia tan ben como a súa redacción, porque iso repercutirá no ben da lingua".

8.300 monolingües casteláns cada ano

Trala presentación, comezaron os relatorios nos que participan destacados lingüistas e profesionais. O doutor da Universidade Pompeu Fabra Daniel Cassany foi o encargado de expor "O labor corrector do técnico de planificaicón lingüística". Á súa intervención seguiulle unha interesante análise comparada dos datos do Instituto Galego de Estadística de 2003 e os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia de 1991 levada a cabo polos membros da Comisión Técnica de Lingua e Sociedade do CCG, Isabel Suárez, Häkan Casares e Xaquín Loredo.

Como adianto da análise que actualmente está a realizar, os investigadores apuntaron algunhas das principais tendencias sociolingüísticas en Galicia na última década. Así, salientaron que aínda que o galego segue sendo o idioma maioritario estase producindo unha crecente castelanización e evolución cara o monolingüismo. Como exemplo, salientaron que no período analizado cada ano aparecían 8.300 novos falantes cuia lingua habitual era exclusivamente o castelán, fronte a uns 18.500 monolingües galegos anuais. Na mesma liña, os autores destacan o carácter castelanizador da parella e a perda de falantes no ámbito urbano.

Como elementos positivos, os investigadores, que pertencen ao Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, sinalaron o importante aumento da presenza do galego na escola, o feito de que o 51% da poboación teña como lingua inicial o galego e o aumento das competencias orais e escritas neste idioma na poboación, gracias á escolarización neste idioma.