----

Os presupostos do Consello da Cultura Galega para o 2009 sofren unha redución de mais do 3 por cento

<em>Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2008.- </em>O Consello da Cultura Galega (CCG) afrontará as súas actividades en 2009 cunha reducción orzamentaria superior ao 3 por cento, dacordo cos criterios de austeridade da Xunta de Galicia, pero espera igualmente cumprir os seus obxectivos regulando a “velocidade de cruceiro”. Así o expresou Ramón Villares, Presidente da institución, na súa comparencia anual diante da Comisión de Economía do Parlamento Galego, presidida por Xosé Antón Orza. Os representantes dos grupos parlamentarios do BNG (Xosé Ramón Fernández Antón), PS de G-PSOE (Francisco Cerviño) e PP (Ignacio López-Chaves) salientaron a actividade desenvolvida polo CCG e a súa traxectoria nos seus primeiros 25 anos. O voceiro do PP fixo especial fincapé no que estimou “importante diminución orzamentaria” que cifrou en mais do 8 por cento. O orzamento previsto para 2009 ascende a 3.154.440 euros.


<!--more-->
“Teremos menos diñeiro que en 2008 -agás no capítulo1 hai diminucións en todos os restantes- pero esperamos levar adiante as nosas iniciativas en 2009”, dixo Ramón Villares antes de recordar a reordenación interna, a aprobación do novo regulamento, xa en vigor, e o reagrupamento das trece Seccións en só seis. Resumiu despois algunhas das accións mais significativas realizadas, ou aínda pendentes, neste ano. Mencionou os actos conmemorativos dos 25 anos do CCG (1983-2008). Seis foros de debate e a exposición “Galicia 25. Unha cultura para un novo século”, que pode verse nas salas de Caixanova, en Vigo. Aludiu á proxección exterior da cultura galega a través de exposicións como “O sorriso de Daniel” e “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, que percorreron xa varias cidades europeas e americanas. No capítulo de publicacións citou “Os Símbolos de Galicia”, “Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846” e “Os primeiros diarios galegos (1808-1809)”, así como os dous primeiros volumes do Proxecto Sarmiento, traballo en colaboración co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), recén saídos do prelo. Aludiu tamén ao “Anuario de Estatísticas Culturais 2006” realizado polo Observatorio da Cultura Galega, ou a “Situación do Ensino da Lingua e da Literatura Galegas na Educación Secundaria Obrigatoria”. Chamou a atención Ramón Villares sobre o que definiu como “esforzo divulgativo na rede e unha ventá aberta ao mundo” a través de CONSELLODACULTURA.ORG e, especialmente, do portal CULTURAGALEGA.ORG, que, ademais do seguimento da actualidade cultural día a día, ofrece a posibilidade de descargar publicacións (125 actualmente) e incorpora audios e vídeos de conferencias e actividades do CCG. Lembrou que o portal conta con 13.500 usuarios (deles 2.660 suscritores) que ven unhas corenta mil páxinas cada día. “Fixemos todo esto grazas aos presupostos aprobados por este Parlamento en 2008 e tamén a convenios de colaboración asinados con distintas institucións e organismos”, entre os que citou a Secretaría Xeral de Comunicación, o Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración, as Universidades de Antiago, A Coruña e Vigo, o CSIC ou Caixanova. Respecto á programación para 2009 salientou a intensificaciòn dos funcións de alta asesoría do CCG e a especial atención ao Patrimonio Cultural de Galicia, a situación do idioma galego e á memoria da emigración. Falou asemade da intención de reforzar a prestación de servizos culturais a través da rede e referiuse á incorporación dos “Roteiros da Cultura” en CULTURAGALEGA.ORG. Subliñou asimesmo o reforzamento da proxeción exterior a través de convenios con centros de prestixio. Polo que se refire a outras liñas de traballo, Ramón Villares falou do obxectivo de prestar atención ao diálogo entre as dúas culturas (a experimental e a humanística), á diversidade cultural europea e ás relacións de Galicia cos países de lingua oficial portuguesa. Outro dos proxectos é o da recuperación da edición en galego dos Clásicos Grecolatinos, a continuación dos traballos da edición da obra completa do Pai Sarmiento, a atención ao centenario do nacemento de Luís Seoane (2010) e a dixitalización da colección “Fontes para a Historia de Galicia”.

PARABÉNS DOS TRES GRUPOS PARLAMENTARIOS

O voceiro do BNG, Xosé Ramón Paz Antón destacou o que cualificou como contribución do CCG á política de austeridade da Xunta de Galicia e subliñou a importancia e os contidos da exposición “Galicia 25. Unha cultura para un novo século” Francisco Cerviño (P S de G-PSOE) felicitou ao Presidente do CCG polo cumprimento dos obxectivos e tamén polo nivel de execución orzamentaria, situada por riba do 90 por cento. Ignacio López-Chaves (PP), que lembrou o carácter estatutario do CCG e salientou “o importante traballo levado a cabo nestes 25 anos”, considerou “inxustificado” o recorte orzamentario que, no seu criterio, supera o 8 por cento. Finalmente, Ramón Villares, logo de agradecer a a acollida favorable e a axuda de todos os grupos parlamentarios, reiterou a súa intención de cumprir en 2009 os obxectivos previstos “cos presupostos que este Parlamento acorde, sexan cales sexan”.