----

O CCG AFONDA NO XORNALISMO DO SÉCULO XX COA EDICIÓN DUN AMPLO ESTUDO SOBRE O DIARIO "GALICIA"

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de publicar un amplo estudo sobre o xornal vigués Galicia titulado "O xornal Galicia (1922-1926). O alento da modernidade". Este diario foi unha das cabeceiras máis significativas dos anos vinte na Comunidade e tivo unha notable influenza na época pola súa modernidade e pola longa lista de persoeiros galegos que asinaron nas súas páxinas.

Durante a presentación esta mañá da obra na sede do CCG, o coordinador da Sección e editor da obra, Xosé López, destacou o papel do Galicia como "un xornal de referencia para o xornalismo galego, español e europeo polo seu vangardismo nas formas e nos contidos, pola súa forte implicación coa realidade do momento no que viviu e pola súa defensa de Galicia".

Unha opinión que comparte Alfonso Paz Andrade, fillo do director do Galicia, Valentín Paz Andrade, quen destacou o carácter "sobrio, humilde e de sentimento quente" da publicación editada polo CCG e A Nosa Terra, e que, sinalou, "chega nun momento crucial para Galicia, xa que hoxe máis que nunca ten que reinterpretarse".

"O xornal Galicia (1922-1926). O alento da modernidade" contén unha ampla contextualización sobre a Galicia dos anos vinte, na que expertos como Margarita Ledo, Xosé Manoel Núñez Seixas e Lorenzo Fernández Prieto ofrecen as claves do momento social, político e cultural no que traballou o xornal vigués. Unha segunda parte ofrece unha descrición e análise crítica do Galicia levada a cabo desde a Sección de Comunicación do CCG e na que tamén participaron figuras como Isaac Díaz Pardo e Charo Portela. Antes da realización deste estudo, o CCG levou a cabo un baleirado do diario vigués que, segundo sinalou Xosé López, estará dispoñíbel para os interesados na web da institución o vindeiro ano.

Con esta iniciativa, o CCG quere seguir traballando na recuperación da memoria do xornalismo dos primeiros anos do século XX, xornalismo do cal son debedores moitos dos medios de comunicación da actualidade. Neste sentido, López destacou a importancia de afondar es cuestións básicas do xornalismo galego, como é o caso das empresas pioneiras, para que a nosa Comunidade teña un espazo propio no ámbito da comunicación.