A mostra, composta por 84 teas de grandes dimensión e varios documentos audiovisuais, continuará o seu percorrido por diversos puntos da xeografía española e portuguesa, aínda que de momento e dadas as necesidades de espazo que ten, están por confirmar. O que si se presentou esta mañá foi un libro nado da exposición. A obra, baixo o título "Galicia, o sorriso de Daniel", recolle textos Xosé Luís Barreiro, Francisco Díaz- Fierros Viqueira, Justo Beramendi, Manuel Castiñeiras, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Enrique Sáez, Xosé R. Barreiro e o propio Alfonso Zulueta, baixo a coordinación de Miguel Anxo Seixas. Nos seus artigos estes expertos analizan e reflexionan sobre diferentes aspectos da realidade galega, desde a política e a lingua até a arte e a economía para dar unha ampla visión sobre a situación da Comunidade.
Ramón Villares, coordinador da Sección de Cultura Galega no Exterior, organizadora da exposición, destacou que a mostra e o libro pretenden "presentar unha imaxe de Galicia rigurosa pero amábel da realidade galega, sen caer na propaganda". Para elo, sinala, escolleron como puntos de referencia as figuras do profeta Daniel do Pórtico da Gloria, que significou a recuperación do sorriso na escultura medieval, e de Daniel Rodríguez Castelao, que representa na súa opinión "a figura artística, política e de arraigo espiritual máis importante do século XX". A partir destes iconos, a mostra ofrece unha ampla e pedagóxica presentación espacial de Galicia, da súa construción e realidade cultural e do que fan os galegos (economía, industria, etc.).
Xa por último, Alfonso Zulueta, destacou que "o CCG asumiu a realización desta exposición por considerar necesario o diálogo coas demais culturas e entender que ese debe ser un signo distintivo da civilización do século XX". O presidente da institución tamén salientou que "Galicia, o sorriso de Daniel" "é unha excelente contribución ao legado dos primeiros vinte anos da constitución do Consello da Cultura Galega".

