----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PRESENTA MAÑÁ MÉRCORES O CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN "O SORRISO DE DANIEL"

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentará mañá mércores, día 21, o catálogo da exposición "O sorriso de Daniel", que desde o pasado 28 de xuño e durante 24 días puido ser vista na Universidade de Barcelona, dentro das actividades do Forum Universal das Culturas 2004.

A mostra "O sorriso de Daniel", promovida e organizada pola Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG propón unha visión de conxunto da realidade e das proxeccións de Galicia en diferentes ámbitos, sectores e potencialidades. O catálogo, editado en galego, castelán e inglés, recolle traballos de Alfonso Zulueta de Haz, Ramón Villares, Manuel Castiñeiras, Justo Beramendi, Francisco Díaz Fierros, Enrique Sáez Ponte, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Henrique Monteagudo e Xosé Luís Barreiro Rivas.

A rolda de prensa terá lugar ás 12´00 horas no salón de actos do CCG e contará coas intervencións do profesor Ramón Villares Paz, director da exposición e coordinador da Sección de Cultura Galega no Exterior, e de Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG.