O acto contará coa presenza do presidente do Consello, Alfonso Zulueta de Haz, acompañado polos membros da Comisión Executiva do CCG, o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño Villar, e o profesor Xesús Alonso Montero.
As actas, en dous volumes con case 1.400 páxinas, recollen as intervencións dos sesenta especialistas e estudosos que participaron nas sesións do congreso celebrado en Celanova entre o 13 e o 15 de setembro de 2001, conmemorando os 150 anos do nacemento de Curros, figura sobranceira do noso Rexurdimento literario. Desta edición, publicada polo CCG na súa colección "Base", ocupáronse Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo e Begoña Tajes.
Entre outras, figuran as contribucións de Alonso Montero, Méndez Ferrín, Carlos Casares, Francisco Rodríguez, Borobó, Neira Vilas, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Henrique Monteagudo, Arcadio López Casanova, Xosé López García, Rosa Aneiros, Marcos Valcárcel, Ramiro Fonte, Inmaculada López Silva, Pilar Vázquez Cuesta, Carlos Callón, Belén Fortes ou Xosé María Paz Gago.
O acto foi organizado polo CCG en colaboración co Concello de Celanova e coa Fundación Curros Enríquez, de cuxo padroado forma parte a primeira institución cultural de Galicia.

