Na súa intervención, Fernando Ramos afirmou que entregaba "unha parte da súa vida", case trinta anos de traballo profesional (1968-1998), dos que os oito primeiros discurriron en Radio Popular de Ourense e Vigo e os restantes nas redaccións de diferentes xornais galegos. "Agradezo a acollida garimosa que se me brinda e o feito de que o Consello ennoblece toda esta aportación", dixo o xornalista que agora se desempeña como profesor titular de xornalismo na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo, en Pontevedra.
O director do Arquivo Sonoro de Galicia, Ramón Castromil, agradeceu o xesto do xornalista e aproveitou a ocasión para "convidar a outros profesionais da comunicación, ou ben a particulares que poidan ter documentación oral ou musical, a depositala no noso Arquivo que pretende converterse no punto de referencia desta fonoteca de Galicia".
Pola súa parte o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, agradeceu unha aportación "que vai permitirnos ampliar as posibililidades de traballo do Arquivo e, sobre todo, ofrecer novos servicios ós investigadores e estudiosos da comunicación". Referiuse asemade a decisiva función da memoria e á necesidade de ordenar e clasificar a información e organizar bases de datos "nunha sociedade caracterizada pola irrrupción dun gran número de informacións cada día. A aportación de Fernando Ramos, e outras ás que estamos sempre abertos, contribuirán, en definitiva, a que o Consello da Cultura Galega poida cumplir mellor e máis efizcamente as súas competencias ó servicio da Cultura e de Galicia", afirmou Alfonso Zulueta.

