----

OS LECTORES RECLAMAN UNHA MAIOR PRESENZA DO GALEGO NOS MEDIOS, SEGUNDO UN ESTUDO DO CCG

"O lector habitual de prensa reclama unha maior presenza do galego nos xornais". Esta é unha das principais conclusión do avance de datos do estudo "A lingua galega nos medios de comunicación", presentado esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). A investigación, levada a cabo pola Sección de Lingua do CCG, parte dunha enquisa realizada a 1.200 persoas sobre o consumo de medios en Galicia e sobre as opinións e percepción que teñen sobre a presenza do galego nos diferentes soportes.

O sociolingüística Anxo Lorenzo, director con Xan Bouzada do estudo, salientou que os resultados da enquisa evidencian que "os consumidores galegos son conscientes de que a presenza do galego nos medios de comunicación é minoritaria". Concretamente, os enquisados consideran moi cativa a súa presencia no cine (o 81%), nos semanarios (78%), en Internet (73%) e nos xornais (66%). Como exemplo, o informe sinala que "ver unha película en galego é un acontecemento extraordinario".

Polo que se refire á prensa escrita, os investigadores destacan que o 60% dos lectores consideran que se debería aumentar o galego tanto nas páxinas de información como nas de opinión. Na actualidade, sinala o informe, a escasa presenza do galego nos xornais fai que sexa pouco probábel a lectura diaria de novas neste idioma. Pola contra, un 22% dos enquisados cualifica o uso do galego nos xornais como suficiente.

Dada esta situación e ante a pregunta de que lingua preferirían para o nacemento dun novo xornal, a maioría dos enquisados (51%) desexarían que se empregase o galego. Un 33% optaría por un xornal con presenza dos dous idiomas e un 11% preferiría o castelán. Esta maior demanda do galego para un novo producto dáse principalmente entre a poboación menor de 40 anos, con estudos medios ou superiores, falante habitual de galego ou bilingüe con predominio desta lingua.

En canto á radio e á televisión, os responsábeis do estudo sinalan que nestas áreas a presenza do galego é máis habitual. Así, preto dun 70% das persoas consideran que o uso da lingua galega nestes medios é o adecuado.

O coordinador da investigación, Henrique Monteagudo, sinalou que os resultados desta enquisa desbotan "percepcións erróneas" sobre que os espectadores prefiren productos en castelán. Así explicou que despois de décadas de escolarización en galego xa non se pode atribuír a falla de contidos en galego a que o público non sabe ler neste idioma. "Superado este obstáculo -advirte-, as dificultades teñen que ver agora con inercias históricas e con falsas percepcións" e para contrarrestalas, sinala, "non debemos falar tanto con impresión, senón con datos, e os desta enquisa son elocuentes". Para Monteagudo, o factor realmente crucial no avance do galego será no futuro a demanda social, que os usuarios prefiran contidos en galego nos medios que consuman. Da ahí, salientou, a importancia de realizar estudos coma o presentado esta mañá sobre as expectativas e as actitudes do público ante o uso do galego nos medios de comunicación. No mesmo sentido, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destacou a “enorme preocupación” que desde sempre ten esta institución pola situación da lingua galega e o seu futuro.O informe completo será publicado en 2005 pero o documento presentado hoxe xa está dispoñíble para a súa descarga na web da institución http://www.consellodacultura.org