----

O ARQUIVO DA EMIGRACIÓN ABORDA O FENÓMENO DE GALICIA COMO PAÍS RECEPTOR DE INMIGRANTES

Galicia, un país tradicionalmente de emigrantes, é agora o destino de numerosos estranxeiros que veñen buscando un futuro mellor do que lles espera nos seus países de orixe. O fenómeno da inmigración en Galicia, algo totalmente novo na historia do noso país, así como as súas consecuencias na poboación galega e a adaptación dos inmigrantes á súa nova situación serán algúns dos aspectos que se abordarán na xornada que baixo o título A inmigración: un novo reto, será presentada ós medios de comunicación mañá, xoves 21 de xullo, en rolda de prensa, ás 12.00h. na sede do Consello da Cultura Galega.

A presentación correrá a cargo da directora do Arquivo de Emigración Galega, Pilar Cagiao, o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, e o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas.

A xornada A inmigración: un novo reto, organizada polo Arquivo da Emigración Galega, terá lugar o vindeiro luns, 25 de xuño, día no que se ofrecerán varios relatorios ó longo da mañá. Os encargados de ofrecer as conferencias serán o Delegado do Goberno para a Estranxeiría e a Inmigración, Enrique Fernández-Miranda, a Directora Xeral de Familia da Xunta de Galicia, Teresa Rey Barreiro-Meiro e o catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, Antonio Izquierdo Escribano.

Colectivos inmigrantes
Xa pola tarde, a xornada continuará cunha mesa redonda na que participarán representantes de colectivos inmigrantes en Galicia, que exporán as súas experiencias persoais no proceso de integración en Galicia, a toma de contacto con outra cultura e os problemas ós que se tiveron que enfrontar na súa chegada a un país distinto ó seu.