A orde do día deste pleno extraordinario consta de dous puntos. O primeiro será a aprobación dunha declaración institucional na que se fará público novamente o pesar deste organismo polo pasamento o pasado 9 de marzo de D. Carlos Casares Mouriño, rendéndolle así unha sentida homenaxe como presidente do CCG e persoa que traballou en prol da cultura galega.
Aprobada dita declaración, procederase á votación para designar ó novo presidente, votación secreta e para a que só será necesario acadar unha maioría sinxela. Feita a votación e designado o presidente, o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, ofrecerá unha rolda de prensa aberta ós medios de comunicación na que fará lectura da acta levantada tralo peche do pleno extraordinario.

