Segundo destacou a directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao, estas xornadas aportan a novidade da proxección de películas e documentais que nunca ata agora se proxectaran en España. "Cándida millonaria" (Luís Bayón, 1939), "Chiruca" (Benito Perojo, 1946), "Los tres berretines" (Enrique Susini, 1933), "Dock Sud" (Tulio Demicheli, 1952) e "El galleguito de la cara sucia" (Enrique Cahen, 1966) serán os filmes inéditos que se estreen neste ciclo, así como algúns documentais que nunca foron exhibidos en salas comerciais.
"Queremos destacar a importancia do fenómeno da emigración galega, facer unha chamada de atención ás novas xeracións que non coñeceron o fenómeno e que agora teñan a oportunidade de coñecelo a través do cine", asegurou a directora do Arquivo, Pilar Cagiao, que participou na rolda de prensa desta mañá, xunto co secretario xeral da Consellería de Emigración, Antonio Díaz, o subdirector Xeral de Telecomunicacións da Consellería de Cultura, Enrique González Murga e a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Teresa García-Sabell.
García-Sabell, como responsable da cesión do Teatro Principal como o espacio onde van ser celebradas estas xornadas, asegurou que o Concello acolleu esta iniciativa con moito interese, "consideramos que estas xornadas poden ser un primeiro paso que poderíamos continuar con posteriores colaboracións", dixo García-Sabell, "porque moitos fillos e netos destas persoas que emigraron están volvendo agora e deberíamos ver se estamos a facer por eles o eles fixeron por nós".
O Secretario Xeral da Consellería de Emigración, Antonio Díaz, tamén fixo fincapé en que a emigración non debe ser un fenómeno abordado desde o punto de vista da nostalxia "senón como vehículo do futuro".

