Esta nova publicación do CCG presentarase nun acto que terá lugar mañá, xoves 21 de novembro, ás 12h. A presentación terá lugar no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega e contará coa presencia de José María Vázquez Portomeñe, ex director xeral de Relacións Laborais e impulsor do convenio entre a Consellería de Xustiza, o Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia e o CCG, que fixo posible a elaboración deste informe; Pilar Cancela, actual directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Miguel Túñez, profesor da Facultade de Cc. de Comunicación, Xosé López, decano da mesma e coordinador da Sección de Comunicación e Xosé María Palmeiro, presidente do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia.
O perfil do usuario da rede en Galicia, o do xornalista electrónico, o uso que os medios tradicionais (prensa, radio e televisión) fan dos novos medios así como a situación laboral na que estes xornalistas desenvolven o seu traballo, son algúns dos estudios que agora se recollen neste Informe, imprescindible para comezar a comprender ó novo xornalista electrónico.
Esta publicación tamén poderá ser consultada a partir de mañá descargándoa da web oficial do CCG, www.consellodacultura.org

