Organizadas polo Arquivo da Emigración Galega, estas xornadas respostan ó interese do Consello da Cultura Galega por estudiar ós dous grupos étnicos maioritarios da inmigración arxentina, españois e italianos ou gallegos e tanos na fala coloquial pratense. Esta investigación levarase a cabo a través da historia comparada en tres niveis: comparación das grandes liñas de migracións de España, Italia e Francia, análise de diversos aspectos das migracións italianas e das migracións rexionais e, en terceiro lugar, comparación das migracións véneta e a galega, que chegaron a ser competidoras en canto á ocupación dos postos laborais dispoñibles en Arxentina.
Na presentación destas xornadas, á que asistirá a directora do AEG, Pilar Cagiao, darase a coñecer o programa destes encontros así como os obxectivos que persegue este Arquivo coa súa promoción, isto é, o achegamento dos estudios que en torno ó tema son elaborados en distintos lugares.

