----

UN INFORME DO CCG DESTACA AS PRECARIAS CONDICIÓNS NO TRABALLO DOS XORNALISTAS DE MEDIOS ELECTRÓNICOS

Home, menor de trinta anos, licenciado en Xornalismo, que traballa a xornada completa, cun salario de entre 600 e 900 euros ó mes e que fai horas extras que case nunca cobra. Este é o perfil do xornalista galego en Internet, segundo se desprende do Informe que baixo o título "Xornalismo en Internet. Actitudes profesionais e condicións laborais dos periodistas en liña" presentou esta mañá o coordinador da Sección de Comunicación do CCG, Xosé López.

A publicación - a segunda dentro dun proxecto de investigación en torno ás circunstancias sociolaborais nas que desenvolven o seu traballo os xornalistas en Galicia - , pon de manifesto as precarias situación nas que os periodistas galegos fan o seu traballo, "unha situación que estase á agravar e á que é preciso prestar atención", asegurou o decano do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, Xosé Maria Palmeiro. Esta institución foi unha das entidades promotoras dos estudios que tiveron como froito esta publicación. Xunto ó Colexio Oficial e ó propio Consello da Cultura Galega, tamén estivo vencellada á dirección xeral de Relacións Laborais, dependente da Consellería de Xustiza.

O seu responsable no momento da sinatura do convenio de colaboración para facer este estudio, José María Vázquez Portomeñe, tamén participou na presentación da obra. Segundo Vázquez Portomeñe, é preciso "coidar o pensamento plural como elemento enriquecedor do xornalismo", e de aí a necesidade de traballar en prol da defensa da pluralidade de opinións e de pensamentos. Neste mesmo sentido, expresouse a actual directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, quen se comprometeu a continuar con estes traballos para coñecer e mellorar as condicións laborais dos xornalistas.

Finalmente interveu o profesor Miguel Túñez, profesor de Xornalismo na USC, e un dos máximos responsables da publicación. Túñez foi o encargado de facer un repaso polas principais conclusións do Informe, como o aumento dos usuarios da rede en Galicia, o seu perfil, os medios de comunicación electrónicos máis visitados ou o perfil do xornalistas galego en liña. En canto a este último aspecto, Miguel Túñez fixo fincapé no feito de que, mentres nos medios de comunicación tradicional as mulleres xornalistas son maioría non ocorre o mesmo nos electrónicos, onde "as mulleres son minoría e saen perxudicadas en tódolos parámetros estudiados". Este aspecto abre, segundo o profesor Túñez, novas vía de investigación como o análise de se nos medios electrónicos estanse a reproducir, e incluso agravar, as situacións de discriminación que xa sufrían as xornalistas ou os problemas de saúde que leva consigo traballar en Internet.

O audiovisual galego, subindo
A mesma rolda de prensa foi aproveitada para presentar outro informe, o do Observatorio do Audiovisual Galego. Informe e catálogo 1999 - 2000, no que se recollen tódalas produccións audiovisual que se levaron adiante en Galicia entre eses anos. A obra recolle uns datos que xa foron dados a coñecer hai seis meses pola directora do ODA, Margarita Ledo Andión, pero ós que agora se pode acceder a través dunha publicación impresa. Entre as conclusións deste informe destaca o feito de que a producción audiovisual galega aumentou nese bienio aínda que o sector precisa dun proceso de reestructuración e concentración.

Pechado o Curso de Guión
Por outra banda, a Sección de Comunicación deu por finalizado onte o curso de Guión de Ficción para TV: as películas para televisión e as miniseries", que se desenvolveu entre o 11 e o 20 de novembro na sede do Consello da Cultura Galega. O curso contou coa participación de reputados profesionais do ámbito da teleserie como Xosé Cermeño, Pancho Casal ou Antonio Onetti que coincidiron en destacar a importancia deste xénero como un ámbito que aínda hai que explotar en Galicia e para o que existe unha ampla demanda de profesionais do sector.