----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PUBLICA UN DOS GRANDES CANCIONEIROS POPULARES DA LITERATURA DO S. XIX

O Consello da Cultura Galega e o Museo de Pontevedra uniron esforzos para publicar por vez primeira un dos grandes cancioneiros da literatura galega do século XIX, a Colección de Cantares Gallegos de Xosé Casal Lois, un volume obtido a partir do manuscrito que se atopaba no Museo de Pontevedra e no que se recollen máis de 1800 poesías populares que constitúen os piares da literatura galega. A presentación do volume, á que asistirá o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, e o autor da edición, Domingo Blanco, terá lugar mañá, martes, ás 13,30 h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.

O interese na publicación desta obra establécese no feito de que para as linguas que non tiveron un desenvolvemento normal, como o galego, os cantares teñen un valor engadido: constitúen a mesma tradición literaria sobre a que se funda a literatura 'culta'. Valladares, Murguía, Saco ou a propia Rosalía de Castro cos seus Cantares gallegos dedicaron inxentes esforzos a pescudar na literatura galega popular para recoller e dar a coñecer esta cuantiosa memoria. Pero xunto a eles e na mesma época, a segunda metade do século XIX, Xosé Casal Lois, daquela un un mozo pontevedrés que andando ó tempo chegaría a ser médico, comezou unha tarefa que habería de ocuparlle toda a vida: a recolleita de cantares populares galegos, dos que chegaría a xuntar preto de catro mil.


O volume que agora o Consello da Cultura Galega inclúe no seu catálogo de publicacións recolle as 1816 poesías populares que o autor escolmou para os Xogos Florais de Pontevedra de 1884, peza coa que gañou o primeiro premio na edición daquel ano.

A riqueza léxica e temática das pezas literarias incluídas neste volume, xunto coa súa extensión e amplitude de fontes, fan de esta colección un dos grandes cancioneiros populares da nosa lingua do XIX, xunto cos de Saco y Arce e o de Pérez Ballesteros. Agora, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e o Museo de Pontevedra, onde se conservaban estes escritos, a Colección de Cantares Gallegos de Xosé Casal Lois ve a luz por vez primeira gracias ó traballo do profesor Domingo Blanco, estudioso de Casal e especialista en literatura popular. Blanco foi o responsable de incluir notas explicativas a pé de páxina así como un glosario de termos que fan máis doada a comprensión dos cantares, algúns dos cales aínda seguen vivos na tradición oral.