----

UNHAS XORNADAS DO CCG ESTUDIARÁN A MIGRACIÓN A ARXENTINA DESDE UNHA PERSPECTIVA "COMPARATIVA" E "INTERREXIONAL"

Co obxectivo de estudiar o fenómeno da migración de distintos grupos étnicos da europa mediterránea a Arxentina pero coa novidade de aportar unha perspectiva comparativa, o profesor da Universidade de Vigo, Alejandro Vázquez e a directora do Arquivo da Emigración Galega (AEG), Pilar Cagiao, foron os encargados de facer a presentación dos encontros "Gallegos e Tanos. Xornadas sobre as migracións italiana e española a Arxentina (1830- 1930)".

Esta actividade, organizada polo Arquivo da Emigración Galega, desenvolverase no Consello da Cultura Galega os vindeiros días 7 e o 8 de xuño, enmarcado nunha liña de actividades que o AEG segue desde o 99 para tentar achegar investigadores de distintas procedencias, facendo posible un intercambio de ideas e propostas de investigación en torno ó fenómeno da migración a Arxentina.

Durante a presentación das xornadas, que tivo lugar nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no CCG, o coordinador das xornadas, Alejandro Vázquez, destacou que "o que pretendemos é estudiar estes fenómenos desde un punto de vista angular, facendo unha análise comparativa que nos permita ver as diverxencias e as similitudes nas sociedades creadas polos diferentes grupos étnicos que emigraron a Arxentina".

Neste sentido, este profesor da Universidade de Vigo destacou como novidade nestas xornadas o feito de que "ata o de agora abundaban os estudios de caso e os feitos nun nivel 'macro'" pero o que se propón nestes encontros é facer unha análise interrexional, é dicir, " a través do estudio das rexións, analizando, por exemplo, a competencia que se daba entre estes grupos no mercado laboral".