Coa edición de materiais coma este, "un CD-ROM que resultará de grande utilidade para escolas, institutos e museos, que poderán acceder a un exhaustivo inventario documental de xeito doado e práctico", segundo explicou Iago Seara, preténdese favorecer a difusión de documentos que sexan de interese "para a docencia e a investigación".
O CD, que recolle datos, biografías, referencias bibliográficas e fotografías de alta resolución de 114 artistas galegos, xurdiu coma o primeiro proxecto no que esta Sección apostou polas novas tecnoloxías. "Tratábase de facer un arquivo documental exhaustivo que fixera posible un achegamento democrático dos datos e que rematara co gran baleiro documental que ata agora existía sobre a escultura galega contemporánea", explicou a directora do proxecto, a profesora María Luísa Sobrino, quen puxo de manifesto a intención da Sección de seguir traballando no camiño de publicar outros dous traballos baseados tamén nas novas tecnoloxías.
Base de futuros proxectos
Neste mesmo sentido tamén se expresou o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, encargado de face-la presentación do acto. Segundo Zulueta, "nun mundo caracterizado pola sobreabundancia de información cómpre dispor de ferramentas coma esta" que, asegurou "será a base para moitos outros futuros proxectos e investigacións". O presidente do CCG tamén engadiu que este CD-ROM podería descargarse a través dos sitios web que o CCG ten na rede, www.consellodacultura.org, e o portal, www.culturagalega.org.
Os museos, motor da sociedade
A rolda de prensa desta mañá tamén foi aproveitada para face-la presentación oficial da última publicación da Sección de Artes Plásticas, "Museos e Centros de Arte Contemporánea", dentro da colección de Informes. Segundo explicou o seu coordinador este libro recolle as actas dos Xornadas de Museos e Centros de Arte Contemporánea que se desenvolveron no CCG en setembro de 2000. Alí, e agora nesta publicación que recolle as conclusións daquelas xornadas, analizouse o relevante papel que os museos e centros de arte deberían desenvolver como dinamizadores da cultura dentro da sociedade, "procurando afastarse de influencias politizadas para camiñar en prol de converterse en instrumentos de fixación da identidade dun pobo", concluíu Seara.

