O presidente desta entidade, Alfonso Zulueta de Haz e os coordinadores deste evento, Xosé López e Jorge Pedro Sousa, foron os encargado da apertura deste congreso que constitúe a primeira iniciativa conxunta destas dúas comunidades en prol de actualizar os coñecementos e investigacións desenvolvidos no espacio luso-galego.
Neste sentido, Alfonso Zulueta, insistiu durante a súa intervención na necesidade de "tender pontes" que nos axuden á "construcción dunha sociedade global". "Esta colaboración", engadiu o presidente do CCG respecto de Galicia e Portugal, "é xa un feito pero debemos traballar para consolidala, unha labor que está en mans como as de institucións como o Consello da Cultura Galega", concluíu.
Os organizadores do congreso, o decano da Facultade de Comunicación da USC, Xosé López, e o profesor da Universidade Fernando Pessoa, Jorge Pedro Sousa, coincidiron en destacar que, entre os obxectivos cos que parten estes encontros, está o de ver a situación na que se atopan proxectos en común que confluirán no 2010, reflexionar sobre o futuro da profesión e fortalecer as actividades de investigación e ensino entre estas dúas comunidades que conflúen nun espacio común.
Un só mundo
Precisamente en torno á construcción destes espacios de relación común como construccións emocionais e producto da experiencia referiuse a primeira intervención do congreso, a do xornalista, escritor e director de Galaxia, Víctor F. Freixanes. A través dun miúdo repaso pola historia, Freixanes retratou os encontros e desencontros da Galicia do Norte e do Sur, que durante centos de anos conformaron unha soa realidade, un só mundo cultural e simbólico que quedaría truncado polas ambicións políticas e os conflictos entre a nobreza eclesiástica galega e a nobreza civil portuguesa. Pero aínda que durante moitos anos "Portugal foi esquecido polos galegos como parte da negación da súa realidade, que lles levaba a aceptar unha serie de prexuízos sobre a propia lingua e cultura por influencia do ideario españolista", asegurou Freixanes, "agora volvémonos atopar no camiño de recuperar un espacio común con raíces moi antigas que afondan no que foi a Gallaecia de hai 700 ou 1000 anos", concluíu.
A sesión da mañá pechouna o profesor Rogério Santos, do Centro de Investigação Media e Jornalismo, quen fixo un repaso das tendencias da investigación do xornalismo desde o punto de vista portugués. As metodoloxías e os paradigmas empregados nestas investigacións así como o ensino do xornalismo en Portugal e Galicia, centrarán a xornada da tarde deste I Congreso luso-galego de estudios xornalísticos.

