"Nestes momentos, o mundo da comunicación atópase nun proceso de reestructuración e concentración horizontal e vertical, unha tendencia moito máis acelerada no eido do audiovisual", asegurou o director da CRTVG, Francisco Campos, quen fixo un miúdo repaso pola evolución que rexistraron nos últimos anos os medios de comunicación galegos. No audiovisual, ámbito no que os resultados do 2002 Campos cualificou de "frouxos", o director da CRTVG destacou a fusión da plataformas dixitais así como os escasos avances da televisión dixital terrestre, un parón que atribuíu "á recesión económica e á falla de rendibilidade desta tecnoloxía". Neste sentido, Campos falou deste ano 2002 como o da reestructuración do audiovisual mentres que o pasado foi o da reestructuración da prensa.
Rompendo o teito da difusión
Respecto deste sector, Francisco Campos ofreceu datos para poñer de manifesto o proceso de concentración e cambio que sufrira este sector: o 80% da difusión da prensa española están en mans de 20 empresas, que controlan unha tirada de máis de catro millóns de exemplares. Nesta clasificación, Campos destacou o grupo Prensa Ibérica, no quinto posto, e o grupo Voz, no oitavo, como exemplos de dous grupos moi diferentes pero con enraizamento na nosa comunidade que foron quen de controlar numerosas cabeceiras e diversificar os seus intereses cara a outros negocios. Así mesmo, o director da CRTVG destacou o feito de que a prensa galega conseguiu, no ano 2001, romper o teito dos 300.000 exemplares vendidos, un aumento que se debeu, nas súas palabras, "unha ruptura máis destacable polo feito de que o audiovisual tamén recuperou audiencia".
Campos rematou a súa intervención facendo fincapé na estructura de información estable que a CRTVG ten para cubrir a información do Norte de Portugal, como resposta a unha demanda da sociedade aínda que queda pendente "avanzar na producción de contidos transfronteirizos".
No que se refire á situación do mundo xornalístico en Portugal, o profesor da Universidade Minho, Joaquim Fidalgo, a través dunha serie de enquisas, presentou un perfil do xornalista en Portugal, un perfil que cambiou nos últimos vinte anos, período no que se detectou un incremento dos profesionais xornalistas, con prevalencia das mulleres e cun aumento moi destacable dos profesionais con formación universitaria. Fidalgo centrouse moi especialmente no eido dos xornalistas on line, no que o mercado é aínda máis precario e as atribucións no xornalista están sendo "diluídas", xa que deixan de ser mediadores entre as fontes e a audiencia o que lles está levando á unha "redefinición do seu papel como transmisores da información". En canto ás tendencias, o profesor da Universidade de Minho, puxo de manifesto a tendencia cada vez máis destacada de tratar as noticias como unha mercadoría máis na que prima o compoñente do espectáculo e o ton frívolo.
E final
A sesión da mañá rematou coa intervención de Estrela Serrano, da Escola Superior de Comunicação Social e Miguel Túñez, profesor da Facultade de Cc. da Comunicación da USC, que abordaron distintos aspectos do xornalismo nas sociedades galegas e portuguesas, especialmente no que se refire ás condicións laborais dos xornalistas así como a situación da empresa xornalística en Galicia e Portugal.

