O acto de presentacións destas publicacións tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, nun acto organizado pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedad, no que estiveron presentes o coordinador da Sección, Francisco Díaz-Fierros, a guionista dos contos, Marilar Aleixandre, así como o debuxante, Francisco Bueno, e unha das asesoras, Mª Teresa Barral.
Durante a presentación, Francisco Díaz-Fierros, asegurou a escolla do formato da publicación veu determinada porque "pensamos que o cómic era o mellor xeito de facerlles chegar contidos ós nenos". Díaz-Fierros aclarou que, aínda que De quen é a auga xa fora publicado hai case un ano, "decidiuse facer a presentación conxunta co segundo volume, para deixar claro que se trata dunha colección e non de publicacións illadas".
Deste xeito, as dúas bandas deseñadas supoñen o número 1 e 2 da colección Ciencia para todos, que xa ten un terceiro volume en proceso de elaboración, "e que posiblemente estea dedicado ó aire ou ó lixo", segundo afirmou o coordinador da sección.
Informe de percepción do entorno
Xunto a estas dúas publicacións elaborouse un informe, como complemento ó proxecto da colección, que tiña como obxectivo coñecer a percepción que os alumnos de ensino secundario, o público principal deste publicación, tiñan do seu entorno. "A auga e o solo son recursos difíciles de comprender, como de renovar, e por iso é difícil concienciar de que están en perigo", declarou Marilar Aleixandre, guionista e coordinadora da colección.
Na súa intervención, Marilar Aleixandre explicou que a tirada destes dous libros, de 5.000 exemplares cada un, "vai ir dirixida fundamentalmente ós profesores de ensino secundario, para que traballen con alumnos", unha empresa da que, segundo Aleixandre, "veremos os seus resultados no futuro, nas próximas xeracións, porque é un traballo a moi longo prazo pero que hai que empezar xa".
De quen é a auga e Vivir no Solo, tamén serán distribuídas entre os concelleiros de medio ambiente dos distintos concellos galegos e, todo aquel que estea interesado nas publicacións, poderá descargalas do web do Consello da Cultura Galega en Internet, na dirección www.consellodacultura.org/mediateca


